A Deputación reivindica en San Marcos máis de dúas décadas patrocinando o Resurrection Fest

Redacción

– O Deputado de Promoción Económica e Social participou na presentación nos xardíns do Pazo de San Marcos a gran cita internacional do hardcore, metal e punk, que arranca o 1 de xullo cunha achega da institución de 150.000€

– “Consolidamos a nosa colaboración desde os seus inicios a un festival que converte a Viveiro na capital europea da música, un claro exemplo de como a cultura pode crear riqueza, actividade económica e proxección internacional”, destacou Pablo Rivera

-O cartel desta nova edición reunirá nomes do panorama internacional da talla de Iron Maiden, Marilyn Manson, Limp Bizkit, Anthrax, A Day To Remember, Trivium ou Sabaton

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o membro da organización do Resurrection Fest Esteban Girón presentaron este venres, nos xardíns do Pazo de San Marcos, a vixésimo primeira edición do festival. A cita internacional do hardcore, metal e punk celebrarase do 1 ao 5 de xullo e contará un ano máis cun patrocinio de 150.000 euros da Deputación de Lugo, institución que apoia este evento desde a súa primeira edición.

Rivera Capón puxo en valor o crecemento experimentado polo Resurrection Fest e a proxección internacional que lle achegou á Mariña e á provincia de Lugo, ao tempo que lembrou a figura do entón alcalde Melchor Roel, “que soubo ver unha oportunidade onde outros podían ver unha aventura incerta”.

Salientou que o Resurrection Fest é “un claro exemplo de como a cultura pode crear riqueza, actividade económica e emprego, ao tempo que dinamiza sectores estratéxicos como a hostalería, o comercio ou os servizos”. O Deputado subliñou que o apoio da institución responde tamén ao compromiso cun modelo de turismo sostible, de calidade e vinculado ás experiencias.

Un festival que traspasa fronteiras

Segundo explicou Esteban Girón, esta edición pasarán polo festival máis de 140.000 persoas ao longo dos catro días de celebración. O cartel reúne a 100 bandas de todo o mundo, que actuarán durante 12 horas diarias nos catro escenarios habilitados, convertendo o campo de fútbol de Celeiro “nun pequeno parque temático”.

Haberá público de máis de 40 países, reforzando a súa dimensión global cunha alta demanda internacional de entradas e aloxamento na comarca. Repítese a iniciativa das vodas dentro do festival, que xa suma máis de 1.500 persoas inscritas, converténdose nun dos elementos máis singulares do evento a nivel europeo.

O cartel desta edición estará encabezado por Iron Maiden, Marilyn Manson, Limp Bizkit, Sabaton, Anthrax, Trivium, A Day To Remember, Mastodon ou Testament, entre outros artistas de referencia do panorama internacional do rock e do metal.

Comparte este artigo