– En Xove continúan os traballos da vía que une este concello con Valcarría do Monte tras rematar os traballos de fresado e aglomerado en quente. Ao longo da xornada de hoxe este tramo quedará reaberto ao tráfico
– A institución provincial vén de comezar as obras da estrada que vai desde Viloalle ata Figueiras, en Mondoñedo; e de dúas vías que conectan Chantada e Carballedo
A Deputación de Lugo ten en marcha catro obras en diferentes estradas provinciais nos concellos de Xove, Mondoñedo e Chantada. Diferentes actuacións en varios puntos da rede viaria que permitirán mellorar o firme e a drenaxe, incrementando as condicións de seguridade e circulación para a veciñanza.
Melloras en estradas de Xove
En Xove continúan os traballos incluídos no proxecto de acondicionamento de tres estradas provinciais, cun investimento conxunto de máis de 810.000 euros. Unha das vías incluídas nesta actuación é a LU-P-2604, entre Xove e Valcarría por Monte, na que se está a rematar a mellora do primeiro tramo. Os traballos consistiron no fresado e posterior aglomerado en quente da calzada entre o inicio da vía e o punto quilométrico 0,900, que mantiveron a vía cortada desde o 7 de setembro. Ao longo da xornada de hoxe este treito quedará reaberto ao tráfico.
Unha intervención que forma parte do proxecto que tamén contempla actuacións na LU-P-2601, entre a LU-862 e o Portiño de Morás, e na LU-P-2605, entre A Tronca e Tarolo.
Comezan traballos en Mondoñedo
Por outra banda, en Mondoñedo, a Deputación inicia os traballos de rehabilitación do firme na LU-P-3108, entre Viloalle e Figueiras, concretamente no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 7,050 e 9,654. A actuación, adxudicada a Obras y Saneamientos Galicia SL por 79.698,07 euros, ten un prazo de execución de tres meses e permitirá mellorar os case 2,6 quilómetros finais da vía.
Mellora de dúas vías vertebradoras para a Ribeira Sacra
Entre Chantada e Carballedo, a Deputación está a actuar na LU-P-1807, que comunica Chantada, Santa Uxía e Cartelos, onde xa se iniciou a limpeza das cunetas; e na LU-P-1801, que comunica Chantada con Nogueira e Os Peares. Nesta última mellora un tramo de 23 quilómetros, entre os puntos quilométricos 6 e 29,396. Dúas vías que vertebran a comarca e dá servizo á mobilidade local, agrícola e de servizos.
Fevisa Vías y Obras SL é a encargada dos traballos na LU-P-1807 que, con 245.100 euros, permitirán acondicionar practicamente todo o trazado da estrada, desde o punto quilométrico 0 ata o 9,403.
Na LU-P-1801, Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU acometeu a limpeza e reapertura das cunetas e hoxe comezaba coa renovación do firme. Unha actuación que conta cun investimento de 313.199,82 euros.
Con estas actuacións, a Deputación continúa avanzando no mantemento e modernización da rede viaria provincial, unha infraestrutura fundamental para garantir a mobilidade da veciñanza, facilitar o acceso aos servizos e favorecer a actividade económica e social dos concellos do rural. As obras forman parte do esforzo da institución provincial por manter en boas condicións unha rede de estradas de máis de 4.000 quilómetros en toda a provincia.

