A Escola Provincial de Danza Castro Floxo celebra o seu festival de fin de curso con alumnado de entre 4 e 75 anos

Redacción

O espectáculo terá lugar mañá, mércores 17 de xuño, a partires das 19.30 horas no Auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ourense

A Escola Provincial de Danza Castro Floxo, dependente do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, celebrará este mércores, 17 de xuño, ás 19.30 horas, no Auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, o seu tradicional Festival de Fin de Curso, unha cita que servirá para poñer o broche final ao ano lectivo 2025-2026.

O festival reunirá sobre o escenario ao alumnado da escola, con idades comprendidas entre os 4 e os 75 anos, que ofrecerá ao público unha variada mostra das aprendizaxes adquiridas ao longo do curso a través de diferentes pezas de música, canto e baile tradicional galego.

Esta actuación constitúe unha das actividades máis destacadas do calendario anual da Escola Provincial de Danza, converténdose nun escaparate do traballo realizado durante todo o curso e nunha mostra do compromiso da Deputación de Ourense coa conservación, promoción e difusión da cultura tradicional galega.

Co remate do festival concluirá oficialmente o curso académico 2025-2026 da Escola Provincial de Danza Castro Floxo. As persoas interesadas en incorporarse ao centro ou continuar a súa formación poderán formalizar a matrícula para o curso 2026-2027 durante o vindeiro mes de setembro.

Un verán cheo de actividade

A programación da Escola Provincial de Danza continuará durante os meses de verán cunha intensa actividade que levará o folclore galego a diferentes puntos de Galicia e tamén ao estranxeiro.

Así, o domingo 12 de xullo participará nas festas de San Bieito de Allariz e na Romaría Etnográfica de Loñoá, no concello do Pereiro de Aguiar. Posteriormente, representará o folclore galego en dous festivais internacionais que se celebrarán en Portugal: o Festival Internacional de Ovar, o 25 de xullo, e o de Relva-Castro Daire, o día 26. A programación continuará o 31 de xullo cunha actuación en Sarreaus.

Xa no mes de agosto, a Escola Provincial de Danza participará nas Festas da Luz de Santa Tegra, en Castro Caldelas, o día 9, coa tradicional Danza das Cocas, e estará presente tamén na inauguración das Xornadas de Folclore de Ourense, que terá lugar o 10 de agosto no Teatro Principal de Ourense.

Comparte este artigo