A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este martes á presentación da nova campaña da Federación de Comercio de Pontevedra para a promoción do comercio local, que tivo lugar na sede de Vigo da institución provincial e na que se deron cita o conselleiro de Emprego, José González, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o adestrador do RC Celta, Claudio Giráldez, e o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias.
Sánchez remarcou a importancia da nova campaña, “Xoga en equipo. Aposta polo comercio local”, que conta coa imaxe de Claudio Giráldez para promover os valores do pequeno comercio. Ao respecto, a vicepresidenta subliñou que “nesta provincia, e moi especialmente en Vigo, se alguén representa hoxe en día o valor de acadar o éxito desde o local, ese é Claudio Giráldez”. Tamén remarcou a importancia de “xogar en equipo para que as nosas fortalezas se manifesten, porque cada un de nós somos pequenas individualidades que somos moito máis fortes cando sumamos” e felicitou á Federación por esta campaña que “convida á cidadanía a mercar no comercio local, a deixar pegada na economía da nosa contorna e a contribuír a unha oferta comercial variada, próxima, especializada e de calidade”.