Marta Nóvoa participou na inauguración da xornada “Ciberseguridade aplicada: Protexendo as empresas galegas nun mundo dixital”, que tivo lugar hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas
A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, participou hoxe na inauguración dunha xornada dedicada á ciberseguridade como un dos grandes desafíos do tecido empresarial na actualidade, que tivo lugar hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas.
Na súa intervención, a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa reivindicou a importancia da ciberseguridade como “piar clave” para a competitividade empresarial e a igualdade no rural. Asegurou que a dixitalización deixou de ser “unha opción” para converterse nunha “necesidade estratéxica para as empresas galegas”.
Nese avance tecnolóxico, Marta Nóvoa advertiu de que implica tamén novos riscos que deben afrontarse con preparación e anticipación, xa que “a seguridade dixital forma parte xa da propia competitividade empresarial”.
Precisamente, este novo escenario require de xornadas como as de hoxe que permiten compartir experiencias prácticas e ofrecer ferramentas útiles para prever eses posibles riscos. Neste sentido, a vicepresidenta destacou a importancia da cooperación entre institucións, empresas, universidades, centros tecnolóxicos e expertos para poder “construír entre todos un ecosistema dixital máis seguro e resiliente”.
Baixo o título “Ciberseguridade aplicada: Protexendo as empresas galegas nun mundo dixital”, a xornada reuniu a autoridades, profesionais do sector tecnolóxico e representantes empresariais co obxectivo de analizar os riscos e oportunidades da transformación dixital.
Esa transformación dixital debe chegar “a todo o territorio, tamén aos concellos rurais, ás pequenas e medianas empresas e aos emprendedores do interior de Galicia”, afirmou Marta Nóvoa, quen lembrou que a igualdade de oportunidades consiste en garantir que calquera persoa poida acceder aos recursos necesarios para competir nunha contorna dixital segura.

