As Xornadas Luis Asorey pechan mañá cunha conferencia sobre o cultivo e a comercialización de plantas medicinais

Redacción

A doutora en Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Romero, abordará as posibilidades destas producións vexetais, procesos e preparados no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a partir das 19:00 horas

O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá mañá luns, 23 de novembro, a última das conferencias das XXXVII Xornadas Luis Asorey, que nesta edición se desenvolveron baixo o título A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas. A sesión de clausura correrá a cargo de Rosa Romero Franco, doutora en Bioloxía e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que afondará no cultivo e na comercialización de plantas medicinais, así como nas súas diferentes presentacións e preparados.

Baixo o título Cultivo e comercialización de plantas medicinais. Presentacións e preparados, a investigadora abordará as distintas etapas que interveñen na produción destas especies, desde o seu cultivo e colleita ata os procesos de secado, conservación, transformación e elaboración dos produtos finais.

A conferencia permitirá coñecer as posibilidades que ofrecen as plantas medicinais como cultivos alternativos, así como a importancia da investigación para garantir a súa calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais. Neste ámbito, aspectos como a composición química das plantas, a conservación dos recursos xenéticos locais e a trazabilidade dos procesos resultan fundamentais para asegurar o valor e a viabilidade comercial dos produtos.
Rosa Romero é profesora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e foi directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. A súa traxectoria investigadora está vinculada á botánica, á produción vexetal e ao aproveitamento sostible dos recursos naturais, con especial atención ao estudo e cultivo de plantas medicinais e aromáticas.

As XXXVII Xornadas Luis Asorey están organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración co Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e contan co patrocinio da Deputación de Lugo. Ao longo desta edición, sete especialistas de diferentes ámbitos analizaron as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais e o fundamento científico das súas aplicacións no ámbito da saúde, abordando cuestións como a fitoterapia, a cura balnearia, a micoterapia, os compostos medicinais das microalgas, a saúde ambiental e os baños de bosque.

A participación será, como sempre neste ciclo, gratuíta e poderá seguirse tamén en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo: https://www.youtube.com/@FUNDACIONTIC/live.

Comparte este artigo