· A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, chama a elixir “decencia” fronte a “violencia” o vindeiro domingo, 29N
· Luis Menor reivindica que “España non necesita máis espectáculo, senón xestión e honradez. Con Feijóo na Moncloa, imos garantir que os servizos públicos funcionen e que o Estado protexa a nosa nación”
· Ana Vázquez e Miguel Santalices protagonizan un mitin especialmente emotivo no seu Bande natal, tal e como destaca Sandra Quintas, onde reivindican a igualdade territorial, os servizos públicos e o respecto institucional
· José González defende no Carballiño trasladar a España o modelo galego de estabilidade e planificación, mentres José Antonio Cerdeira destaca o coñecemento de Feijóo sobre as necesidades da comarca
A unha semana das eleccións xerais do 29 de novembro, o Partido Popular de Ourense celebrou hoxe dous dos seus principais actos de campaña en Bande e O Carballiño, coa participación da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial, Luis Menor; e a cabeza de lista ao Congreso, Ana Vázquez e o nº1 ao Senado, Miguel Santalices, xunto a outros representantes e candidatos populares.
Nos dous encontros, os populares centraron as súas intervencións na necesidade de abrir unha nova etapa política en España, contrapondo o modelo de estabilidade e xestión que atribúen aos gobernos do PP coa situación de inestabilidade que, ao seu xuízo, caracteriza ao Executivo de Pedro Sánchez. A formación destacou a importancia da última semana de campaña e reiterou a súa defensa da candidatura de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno, así como o papel que terá a provincia de Ourense nos resultados electorais.
Paula Prado chama a elixir “decencia” fronte a “violencia”
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, chamou a elixir “decencia” fronte a “violencia” nas urnas o próximo 29 de novembro. Así o recalcou nos mitins de Bande e O Carballiño, onde puxo en valor o proxecto do PP fronte ao que definiu como a “política do medo e da violencia” da esquerda.
Neste sentido, condenou as declaracións da ministra de Ciencia, Diana Morant, que durante un mitin sinalou que Sánchez lle tiña que haber dado “catro bofetadas ben dadas” a Feijóo durante o debate cara a cara. Tamén fixo referencia aos insultos de representantes socialistas galegos como a deputada do PSdeG Silvia Longueira, que chamou a Alberto Núñez Feijóo “atontao”, ou Ana Alvite, que o cualificou de “patético”.
Para Prado, estas manifestacións forman parte da política de “crispación” e “odio” coa que, segundo afirmou, a esquerda trata de “queimar os seus cartuchos” na última semana de campaña electoral.
“A esquerda trata de infundir esa política do medo, ameazando coas pensións ou coa política migratoria, pero só intentan enganar a xente”, explicou a número dous dos populares galegos, que asegurou que o PP non xoga cos dereitos dos maiores nin coas persoas que veñen a traballar.
“O odio e a violencia na que ten metido a este país o Partido Socialista e os seus socios ten que rematar”, engadiu, defendendo a necesidade dun presidente “que goberne para todos e que una ao país”, en referencia a Alberto Núñez Feijóo.
A secretaria xeral do PPdeG insistiu tamén na importancia que os populares concentren o voto na súa candidatura, especialmente en provincias como Ourense, onde o partido obtivo tradicionalmente un amplo respaldo electoral. Neste sentido, presentou o voto ao PP como a opción para propiciar un cambio no Goberno de España.
Menor reivindica a fortaleza do PP e advirte contra o exceso de confianza
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o traballo de organización e renovación desenvolvido polo partido nos últimos anos, que permitiu celebrar 32 congresos locais e reforzar a súa estrutura territorial.
Durante o mitin de Bande, lembrou que a organización provincial comezou a prepararse con antelación para afrontar unha eventual convocatoria de eleccións xerais e destacou o papel que desempeñan os militantes e simpatizantes na actividade política dos concellos. Menor advertiu contra o exceso de confianza ante a cita electoral e subliñou que “aquí non hai nada gañado” ata que se abran as urnas e se conten os votos.
No Carballiño, o presidente provincial defendeu que España necesita un Goberno con prioridades claras en materia de vivenda, emprego, servizos públicos e infraestruturas: “España non necesita máis espectáculo, senón xestión e honradez. Con Feijóo na Moncloa, imos garantir que os servizos públicos funcionen e que o Estado protexa a nosa nación”.
Menor reivindicou igualmente o papel económico do Carballiño e da súa comarca, destacando a actividade empresarial, comercial, hostaleira e turística, así como as oportunidades vinculadas ao futuro parque empresarial compartido con Maside, con máis dun millón de metros cadrados previstos.
O presidente provincial incidiu en que Ourense debe recibir un trato equitativo en materia de financiamento, servizos e comunicacións, e defendeu unha representación política que manteña un contacto permanente cos concellos e dea conta dos compromisos adquiridos.
Vázquez e Santalices protagonizan un encontro emotivo na súa terra natal
O mitin de Bande tivo un significado especial para Ana Vázquez e Miguel Santalices, cabezas de lista do PP de Ourense ao Congreso e ao Senado, respectivamente, e ambos naturais deste municipio.
A alcaldesa de Bande e secretaria provincial do PP de Ourense, Sandra Quintas, exerceu de anfitrioa e destacou o orgullo de que dous veciños do concello encabecen as candidaturas populares ás Cortes Xerais. Quintas agradeceu tamén o apoio da veciñanza e puxo en valor o traballo desenvolvido desde o Concello, especialmente en materia de vivenda.
Ana Vázquez apelou ás súas raíces para explicar a súa maneira de entender a política: “Veño dunha vila pequena, de Bande. Alí aprendín que á xente non se convence con berros, senón cumprindo”.
A candidata ao Congreso asegurou percibir na rúa unha demanda de mellora dos servizos públicos e destacou as preocupacións dos traballadores, autónomos, mozos e persoas maiores. “Ourense non pide favores, pide que se lle trate como a calquera outro territorio de España”, afirmou.
Pola súa banda, Miguel Santalices reivindicou a súa experiencia institucional e a importancia do respecto ás institucións democráticas. “Levo toda unha vida ao servizo das institucións, e por iso sei distinguir quen as respecta de quen as utiliza”, sinalou.
O cabeza de lista ao Senado destacou tamén a necesidade de atender as provincias do interior e garantir a presenza dos servizos públicos no territorio. “O Estado ten que estar presente cando fai falta: na sanidade, nas comunicacións, na protección dos que viven no rural”, manifestou.
José González defende no Carballiño trasladar a España o modelo de estabilidade de Galicia
No mitin do Carballiño participou tamén o responsable de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno galego, José González, quen apelou á necesidade de replicar no conxunto de España o modelo institucional que, segundo destacou, xa existe en Galicia.
González defendeu un Goberno con estabilidade, respecto á oposición e á cidadanía, medidas baseadas na planificación e orzamentos aprobados anualmente en tempo e forma, cunha acción política centrada nas necesidades das persoas.
Ao seu xuízo, España tamén merece este modelo e debe poñer fin á improvisación, á inestabilidade e á inseguridade que atribuíu a un Executivo que, segundo criticou, cambia de rumbo para responder ás esixencias dos seus socios parlamentarios.
José Antonio Cerdeira destaca a vinculación de Feijóo co Carballiño
O candidato ao Senado e presidente da xestora local do PP do Carballiño, José Antonio Cerdeira, exerceu de anfitrión no encontro celebrado na vila. Na súa intervención, contrapuxo a relación de Pedro Sánchez coa provincia á traxectoria de Alberto Núñez Feijóo, de quen destacou o coñecemento dos concellos, aldeas e necesidades do territorio ourensán.
Cerdeira lembrou o apoio que a comarca do Carballiño prestou a Feijóo nas sucesivas eleccións autonómicas nas que conseguiu maiorías absolutas e expresou a súa confianza en que esa vinculación se manteña na próxima cita electoral. O candidato popular defendeu que a proximidade ao territorio e o coñecemento directo das necesidades locais deben ser características fundamentais da acción do futuro Goberno de España.
Actividade electoral nos barrios de Ourense
A xornada completouse cunha ampla actividade dos integrantes das candidaturas populares en distintos puntos da cidade de Ourense.
Rosa Quintana, Celso Delgado, Rosa Sánchez e Belén Iglesias participaron en mesas informativas e encontros coa veciñanza, mentres outros representantes do partido desenvolveron percorridos polos barrios de Vistahermosa, Novo Barrocás, Velle, Reza, Peña Trevinca, Berrocás e A Inmaculada.
A actividade incluíu tamén a participación de Sonia Ogando, Ana Méndez e Marta Vázquez nun magosto con Alcer, así como a presenza de Miguel Santalices no xantar de clausura da Feira Xantar e de Roberto González no encontro de fútbol disputado no campo do Couto.
Con esta programación, o PP de Ourense mantivo a súa actividade de campaña tanto nos principais actos políticos como nos encontros de proximidade cos veciños dos diferentes barrios e concellos da provincia.

