A institución provincial, a través do Inorde, consolida a súa colaboración con Renfe e Turismo de Galicia “no produto turístico máis exitoso e demandado de toda a provincia”, tal e como remarcou Rosendo Fernández
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa un ano máis na posta en marcha da campaña dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa consolidada como referente do turismo ferroviario en España e que volverá situar á provincia como un dos principais destinos desta oferta experiencial.
A estación de tren de Ourense acolleu hoxe a presentación da campaña 2026, na que participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director de Trens Turísticos de Renfe, Gonzalo Pastor Barahona; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
O programa, promovido grazas ao convenio de colaboración entre o Inorde, Turismo de Galicia e Renfe, alcanza este ano a súa décimo terceira edición cun total de 13 rutas e 33 saídas entre os meses de marzo e outubro. A provincia de Ourense mantén un protagonismo destacado dentro da oferta, concentrando cinco das trece rutas e catorce das trinta e tres saídas programadas para toda Galicia.
Rosendo Fernández destacou que os Trens Turísticos constitúen “un dos mellores exemplos da colaboración institucional para crear produtos turísticos de calidade, sostibles e capaces de xerar actividade económica no territorio durante boa parte do ano”.
O presidente do Inorde puxo en valor o peso específico da provincia dentro da campaña, sinalando que catro das cinco rutas ourensás son xestionadas directamente polo organismo dependente da Deputación: Ribeira Sacra-Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. Ademais, a ruta de Monterrei reforza a súa programación cunha saída máis respecto á pasada edición.
As diferentes propostas permitirán descubrir algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais e enogastronómicos da provincia, desde os viños das denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra ata espazos singulares como o Mosteiro de San Pedro de Rocas, o Santuario das Ermidas, o Castro de San Cibrao de Las ou o Castelo de Monterrei.
Un dos elementos diferenciais destas rutas é a incorporación de recursos promovidos polo Inorde, como os Museos das Estacións de Tren, o Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares ou o Museo do Traxe Tradicional Galego de Santa Cruz de Arrabaldo, ademais de visitas teatralizadas e percorridos en catamarán que enriquecen a experiencia dos visitantes.
Desde a Deputación sublíñase que os Trens Turísticos constitúen unha ferramenta estratéxica para a promoción da provincia, contribuíndo a alongar a tempada turística, atraer visitantes fóra dos períodos de maior afluencia e proxectar a imaxe de Ourense como destino vinculado á natureza, ao patrimonio e ao enoturismo. A elevada demanda volve avalar o éxito da iniciativa, consolidando este programa como un dos produtos turísticos máis demandados de Galicia.

