Fallados os VII Premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo

Redacción

– O Consello de Turismo decidiu este venres distinguir na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense ao Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos e tamén ao Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade

A Festa da Enfariñada de Trabada, foi recoñecida coa distinción ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense; eSantaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade, de Vilalba, impúxose na modalidade de Turismo Sostible

– A Xunta de Goberno provincial, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, debe aprobar agora a decisión tomada polo Consello, para publicarse posteriormente no Boletín Oficial da Provincia

A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres no Pazo de San Marcos a sesión deste órgano participativo e consultivo na que se fallaron os sétimos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu ao Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos e tamén ao Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade; na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Festa da Enfariñada de Trabada. Pola súa banda,  o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade de Vilalba foi o recoñecido polo seu traballo ao Turismo Sostible.

“Estes premios son un pulo en termos de proxección, o que supón atraer máis visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego. Este ano consolidamos un recoñecemento co que tamén incentivamos a modernización do sector, para que se xeren propostas innovadoras, suxerintes e adaptadas aos novos tempos”, valorou García Porto.

O xurado estivo formado polas 14 persoas que forman parte do Consello de Turismo, representantes deste sector e deputados e deputadas dos tres grupos políticos da Corporación provincial. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, deberá agora aprobar a decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense, …E para comer, Lugo á gastronomía lucense e de Turismo Sostible teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dunha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo.

Os premiados: viños de Ribeira Sacra, torneiros de Xermade, Enfariñada de Trabada, Ruta Arqueolóxica e a Feira Indiana de Santaballa

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, é organizado polo Concello monfortino dende o ano 2017 e celébrase anualmente a primeira fin de semana de xullo no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe. En 2026 celebrou a súa oitava edición reunindo a arredor de 30 adegas de todas as subzonas da D.O. Ribeira Sacra,  funcionando como un escaparate integral para os viños de viticultura heroica, a gastronomía local, o patrimonio cultural e o enoturismo do sur da provincia de Lugo. O programa inclúe catas comentadas, masterclasses, concertos, obradoiros infantís e as chamadas “Viñorutas”.

O Festival actúa como unha ferramenta clave para a desestacionalización do turismo no interior de Galicia, atraendo a milleiros de visitantes antes do pico do verán e dinamizando sectores coma a hostalaría e o comercio de Monforte e da comarca de Lemos.

O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, organizado polo Concello de Xermade, celébrase anualmente dende o ano 2001. En vinte anos logrou unha espectacular recuperación do oficio tradicional da tornaría, que estaba a piques de desaparecer. O Pavillón Municipal acolle exposicións de traballos, clases maxistrais, demostracións en directo, feira comercial, obradoiros prácticos para todos os públicos e actividades turísticas para acompañantes.

O evento pasou de ter unha asistencia testemuñal a rexistrar máis de 5.000 visitantes estimados na edición de 2019 e uns 3.000 na de 2021 (con restricións de aforo pola pandemia). Ademais, logrou un alto prestixio que fai que a organización sexa convidada a encontros similares en Francia ou Asturias.

A Festa da Enfariñada de Trabada é un evento gastronómico e cultural anual que se que organiza o concello de Trabada co obxectivo de recuperar, conservar e divulgar a “enfariñada”, un dos pratos máis singulares e representativos da tradición culinaria local. A súa elaboración artesanal e a utilización de ingredientes de proximidade representan un exemplo da riqueza da gastronomía lucense e da capacidade da cociña tradicional para preservar a memoria colectiva dun pobo. A festa converteuse nun referente na comarca da Mariña e en toda Galicia, o que axuda a dinamizar directamente a hostalaría, a restauración e o comercio de proximidade.

O proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade, presentado pola Oficina de Turismo de Vilalba, baséase nun binomio turístico innovador e sostible situado na parroquia de Santaballa, que combina unha Ruta Arqueolóxica e a Feira Indiana para potenciar o desenvolvemento local e a Axenda 2030. O proxecto busca aumentar as visitas de xeito responsable a través da conservación do patrimonio e o respecto á natureza, incluíndo futuras iniciativas como rutas guiadas gratuítas.

A Ruta Arqueolóxica de Santaballa é un itinerario de 14,94 km  de carácter arqueolóxico e etnográfico, e os seus puntos de visita obrigada son a Escola Habanera (centro social e museo etnográfico que recrea unha aula da época e serve de homenaxe á emigración a Cuba) o Xardín Botánico e o Poboado Castrexo (espazos con especies autóctonas e recreacións patrimoniais) e xacementos como o de Pena Grande (o xacemento paleolítico máis importante de Galicia), Pena Chantada (menhir) e a Medoña de Estelo (túmulo megalítico).

A Feira Indiana e unha celebración anual que recrea a época da emigración chairega a América (especialmente a Cuba). Destaca pola súa antigüidade, xa que alcanza a súa XVI edición, pola ambientación histórica con traxes de época, música, artesanía e pola súa forte implicación veciñal.

Comparte este artigo