HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López afirma que Aquafuture Spain consolidará a Vigo na vangarda das...

Luis López afirma que Aquafuture Spain consolidará a Vigo na vangarda das reflexións mundiais sobre a acuicultura, a pesca e a xestión sustentable da auga

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, participa na inauguración da terceira edición do evento sobre acuicultura máis importante do sur de Europa, que este ano recala en Vigo despois de dúas edicións en Silleda

O evento conta cunha aula de formación patrocinada pola Deputación na que se impartirán charlas e mesas de traballo sobre proxectos comerciais e de investigación

“Por traer os retos da acuicultura á capital mundial da pesca, por compartir a xestión sustentable dos recursos acuícolas e porque seredes os mellores prescriptores de Vigo e da provincia”, sinala Luis López algunhas das vantaxes de acoller este evento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os acertos que sitúan á Feira Aquafuture Spain e á provincia de Pontevedra na vangarda da investigación, divulgación e sustentabilidade do sector pesqueiro. Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, o mandatario provincial puxo en valor o crecemento, a aposta pola provincia trasladando o evento desde Silleda a Vigo e que se poña o foco no presente e no futuro da xestión da auga. “Por traer os retos da acuicultura á capital mundial da pesca, por compartir con nós a xestión sustentable dos recursos marítimos e acuícolas e porque seredes os mellores prescriptores de Vigo e Pontevedra cando regresedes aos vosos lugares de orixes”, agradeceu o presidente da Deputación a acollida dunha feira destas características na principal cidade de Galicia.

Aquafuture Spain é o salón Internacional da Industria Acuícola, o maior encontro tecnolóxico, formativo, divulgativo e comercial do sector da acuicultura no sur de Europa . Trátase dun evento de carácter bianual e que este ano celebra a súa terceira edición, que ten como principal novidade o seu traslado ao Ifevi de Vigo, despois de celebrar as edicións anteriores en Silleda. Entre os días 20 e 22 de maio, este congreso reunirá na cidade olívica, “capital europea da pesca”, a máis de 210 expositores procedentes de 26 países. Unha feira que situará todas as miradas do sector pesqueiro internacional na provincia, consolidando a Vigo e a súa industria pesqueira como unha referencia global. Unha poderosa razón que leva Deputación a ser un dos patrocinadores principais desta feira, poñendo nome a unha das salas nas que ao longo destas tres xornadas se celebrarán diversas conferencias, charlas e reunións de grupos de traballo, como os centrados na acuicultura sustentable e intelixente ou nas oportunidades e a innovación da economía azul.

A alianza entre a Deputación e o sector pesqueiro foi o último punto desta lista de “acertos” que hai detrás de AquaFuture Spain á que se referiu o presidente Luis López. “A Deputación non só acolle ou asiste, quere intervir nos retos da acuicultura do futuro”. Por esta razón, o organismo provincial conta cunha aula de formación propia que acollerá charlas sobre  asuntos coma a investigación e a innovación, a sustentabilidade ou a alimentación. “Un repaso por todos os grandes desafíos que se poñerán de relevo aquí, en Vigo, na provincia de Pontevedra”, remarcou Luis López.

 “Detrás desta feira hai moitos acertos que á Deputación de Pontevedra lle enchen de orgullo”, comezou o presidente Luis López a súa intervención no acto inaugural da feira. “O primeiro está no seu crecemento, non hai moitos eventos que poidan medrar nun só ano un 20%, con 210 expositores de relevancia nacional e internacional e 26 países convidados”, remarcou o dirixente, antes de facer fincapé na ubicación elixida. “Vigo é capital europea da pesca. O futuro da pesca xógase aquí e a alianza coa capacidade turística e de acollida de Vigo garanten o éxito da feira. O turismo de congresos é unha fonte de riqueza que estamos a explorar con moitísimo empeño”, vinculou o mandatario esta feira coa estratexia de diversificación turística que promove a Deputación na provincia.

Ademais, a acción da Deputación está tamén moi relacionada co tema principal desta feira, a auga e a pesca. “Nunha provincia de auga como Pontevedra, a Deputación está coidando das confrarías de marisqueo e pesca cun 40% máis de apoios e está a velar polas comunidades de augas e a regularización das traídas”, destacou. E con vistas ao futuro inmediato, sumou o apoio do organismo provincial a demandas como “a rebaixa do IVE do peixe ao 4 %” e celebrou que “por fin a xestión do litoral realizarase desde a proximidade”, como consecuencia do traspaso de competencias neste eido á Xunta de Galicia, o que “combinará economía e dinamismo social co respecto polo medio”, rematou Luis López.

Publicacións Relacionadas