O presidente provincial mantivo un encontro co director da UNED Pontevedra, Víctor González, para analizar asuntos de interese mutuo para ambas institucións
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu no seu despacho do Pazo provincial ao director da UNED Pontevedra, Víctor González Sánchez, para abordar asuntos de interese mutuo para ambas as institucións e establecer unha canle de comunicación áxil entre os dous organismos que teñen na súa razón de ser a oferta de servizos de calidade para a cidadanía de toda a provincia.
Durante o encontro, ambos os dirixentes estudaron as posibles vías de colaboración en diversos programas que o organismo universitario promove como a “Cátedra de Integración Rexional, Unión Europea e América Latina”, o encontro da Fundación Mulleres por África na UNED, a organización na cidade de Pontevedra da reunión do Consello do Campus Noroeste da UNED ou a contratación de dez mozos e mozas a través do programa Primeira Experiencia do SEPE e a convocatoria do “Venias Docendi” para ser titor desta institución.
Do mesmo xeito, López e González analizaron o proxecto para a reforma da sede da UNED en Pontevedra que precisa melloras na súa estrutura, de eficiencia enerxética, na cuberta e nos accesos, así como unha revisión dos sistemas enerxéticos e da distribución dos espazos interiores do centro.
O presidente da Deputación interesouse tamén polos proxectos educativos que a UNED ten en marcha en Pontevedra, así como polas iniciativas a desenvolver nos diferentes centros asociados repartidos por toda a provincia. Neste sentido, Luis López tendeu a man da Deputación para colaborar coa UNED en todo o que sexa posible.

