Con estes recursos as entidades locais poderán crear ou ben manter e reforzar servizos de normalización lingüística
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases das subvencións para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística. Esta liña, tal e como sinalou o presidente, está dotada de 200.000 euros e vai destinada aos concellos e outras entidades locais da provincia.
Por unha banda, os concellos de menos de 50.000 habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e entidades locais menores poderán recibir un máximo de ata 35.000 euros para a creación dos servizos de normalización lingüística, financiando o 100% do seu orzamento de gastos. No caso de contar con este servizo, estas mesmas entidades poderanse beneficiar das axudas para o mantemento e reforzo deste servizo cunha contía máxima de 25.000 euros, que non poderá superar o 80% do seu orzamento de gastos. Neste segundo suposto poderanas solicitar sempre e cando no momento da publicación da convocatoria xa conten cun servizo lingüístico en activo, e co obxecto de melloralo contratando máis persoal ou incrementando a xornada laboral do persoal co que xa conten.
As entidades locais interesadas terán un prazo dun mes para solicitalas, a contar a partir do día seguinte ao da publicación das bases desta convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.