O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, recoñece a valiosa aportación dos novos valedores da Rosa, entre os que sobresaen Ana Pastor, Javier Guillén ou Román Rodríguez; para construír unha provincia máis forte
A Deputación financiará o 100 % das obras de humanización das Avenidas de Puxeiros e o Rebullón valoradas en 712.000€, anunciou López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou a Festa da Rosa de Mos, evento de interese turístico de Galicia, como unha celebración que pon en valor a cultura e a historia do Concello, que atrae cada ano a milleiros de visitantes e que reforza o vínculo entre a veciñanza e o seu municipio no acto de apertura destas festas que celebran este ano a súa edición número 52. Unha celebración na que o mandatario provincial destacou a relevancia dos novos valedores e valedoras da rosa en distintos ámbitos da provincia. “Vivimos nunha provincia extraordinaria grazas a veciñas e veciños como os de Mos que, coa súa entrega impulsan ano tras ano esta Festa da Rosa, que fai deste Concello de Mos e da nosa provincia un destino turístico de primeira”, resaltou o mandatario provincial na inauguración dunha celebración á que tamén acudiron a vicepresidenta Luisa Sánchez e as deputadas Sandra Bastos e Belén Cachafeiro.
Unha cerimonia que contou con invitados de excepción. Ademais do pregoeiro Roberto Vilar e os integrantes dos colectivos veciñais premiados nesta xornada festiva, déronse a coñecer o nome dos novos valedores e valedoras da Rosa, que son: Ana Pastor, “unha muller que entrega a súa vida a facer mellor a nosa”; Javier Guillén, “o artífice desa alianza entre as Rías Baixas e LaVuelta”; Román Rodríguez, “un valedor da educación da nosa provincia dentro e fóra da provincia”; Carlos Mouriño, “que puxo as bases do Eurocelta e de Afouteza que estamos hoxe a desfrutar”; o cineasta Daniel Sánchez Arévalo, co que “se poñemos na ecuación un talento como o seu e uns escenarios como os desta provincia, o resultado non pode ser outro que unha obra de arte”; o colectivo de residentes de Mos en Bos Aires, “que demostran que o amor pola terra non entende de distancia”; ou Martina Sane, a primeira rosiña, “que nos lembra que se somos unha potencia no deporte é por figuras coma ela”, enxalzou o presidente aos homenaxeados no seu discurso.
Unha intervención na que López tamén recoñeceu o labor que a alcaldesa Nidia Arévalo está a desenvolver á fronte do Concello e na que equiparou a Festa da Rosa de Mos como un deses tesouros que agocha o interior da provincia de Pontevedra e que paga a pena descubrir porque “cando os descubrimos, namorámonos e deixamos neles un pedaciño de nós que nos leva a querer regresar sempre”.
Reafirmou o presidente provincial o compromiso da Deputación co apoio a unha festa declarada de interese turístico de Galicia. Un apoio ao Concello de Mos que vai moito máis aló deste evento do patrimonio cultural da provincia. Luis López aproveitou este multitudinario acto para anunciar os proxectos de reforma integral das Avenidas de Puxeiros e do Rebullón, incluída a rotonda dos bois, cun investimento de 712.000€ que financiará a Deputación ao 100 %. “Enha iniciativa que supón un paso máis nese compromiso de apoiar aos Concellos, impulsar a seguridade viaria e mellorar os servizos e as infraestruturas que caracteriza a esta Deputación”, definiu o presidente.
“Convidamos a toda a veciñanza a descubrir os tesouros de Mos, que son moitos, porque xa se sabe, quen proba, repite”, concluíu o presidente provincial convidando a veciños e visitantes a desfrutar esta fin de semana da Festa da Rosa.