O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este xoves unha vintena de alumnos e alumnas de 5º de Primaria do CPR San José de Pontevedra que se achegou ao Pazo provincial para realizar a súa habitual visita anual ás dependencias provinciais co gallo do Día da Constitución española. López lembroulle ao alumnado que estes días “festexamos que fai 46 anos daquel 6 de decembro de 1978 no que aprobamos en referendo a nosa Carta Magna. Un día no que constituímos o marco dos nosos dereitos e a nosa sólida base para impulsar leis e garantir que vivamos nunha sociedade máis xusta, democrática e mellor”.
O presidente provincial insistiu ante o alumnado na importancia de “incidir no valor da Constitución española para todas e todos nós”, e fixo un chamamento a que “a coidemos, a defendamos e a respectemos, porque facelo é coidarnos, defendernos e respectarnos a nós mesmos”.