Estes novos recursos beneficiarán a Cangas do Morrazo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, O Grove, A Lama, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, O Rosal, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilagarcía de Arousa
O presidente provincial recordou que o Plan +Provincia destinou xa máis de 36 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes
Dos recursos aprobados en Xunta de Goberno, máis de 1 millón de euros pertencen á liña 1, de investimentos, e serán dirixidos a trece concellos: Crecente, Forcarei, O Grove, A Lama, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, Silleda, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa. Desta maneira, Forcarei recibe 112.900 € para a mellora da drenaxe, marxes e vías nos núcleos de Pardesoa, Malburgo e A Grela; Crecente preto de 9.000 € para o acondicionamento da fonte en Quinta Angudes; O Grove beneficiarase de 210.000 distribuídos en 187.000 € que servirán para completar os recursos recibidos do PON2030 (743.000 €) e financiar integramente cos recursos provinciais as instalacións deportivas das Bizocas, que ascenden a máis de 930.000 €, e outros 23.000 € para o acondicionamento de varios camiños municipais; A Lama recibirá máis de 24.500 euros para a adecuación no fogar residencial e no centro de día; Meis preto de 81.000 € para a eliminación da fosa séptica de Silvoso (72.000 €) e para a rehabilitación dun colector e a dixitalización de infraestruturas de saneamento (9.000 €); Soutomaior preto de 44.000 € para a redacción do plan parcial do Polígono Industrial e Ponte Caldelas máis de 36.000 € para a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura.
Ademais, e tamén no marco da liña 1 do Plan +Provincia, Mondariz benefíciase de máis de 21.000 € para o acondicionamento dun camiño para a creación dun corredor verde para mellorar a conexión natural entre o centro urbano e as instalacións deportivas da Lagoa; Mondariz-Balneario de máis de 48.000 € para o acondicionamento do centro de interpretación do río Xabriña; O Porriño recibe máis de 57.000 e para o asfaltado de camiños en Devesa, Filgueiras e Portela de Souto; Redondela máis de 22.000 € para o acondicionamento do pavimento e da pista polideportiva do CEIP Porto Cabeiro; Silleda máis de 252.000 € para a reforma da praza da Igrexa (192.000 €) e para a mellora dos centros sociais de Piñeiro, Lamela, Curro e Moalde (60.000 €); e Vilagarcía de Arousa preto de 98.000 € para a ampliación dos servizos de saneamento e abastecemento da rúa Ameal.
No que respecta á liña 2, de gasto corrente, apróbanse máis de 412.000 euros para financiar servizos municipais, festas gastronómicas e actividades culturais, deportivas e sociais en Fornelos de Montes, O Grove, A Lama, As Neves, Ponteareas e Soutomaior. E finalmente destinaranse máis de 60.000 € da liña 4 para a redacción de proxectos singulares de transformación da mobilidade, humanización e recuperación do espazo público en Pontecesures, Cangas, Tui e O Rosal.