Luis López sinala a atención ao reto demográfico e á sustentabilidade do +Provincia como mostras do compromiso da Deputación coa axenda urbana europea

adminON
Lectura mínima de 5

O presidente provincial inaugurou este xoves a primeira mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra na que participaron alcaldes, técnicos e representantes do tecido asociativo das comarcas de Pontevedra e O Morrazo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves a estratexia do executivo provincial para a transformación da provincia seguindo criterios de sustentabilidade no eido económico, social e medioambiental na apertura das mesas territoriais de traballo das comarcas de Pontevedra e O Morrazo para dar a coñecer a Axenda Rural e Urbana da provincia de Pontevedra. O mandatario provincial dirixiuse a alcaldes, técnicos e integrantes do tecido asociativo destas dúas comarcas que se deron cita esta mañá no Salón de Plenos do Pazo provincial para deseñar o futuro destas dúas comarcas. “Iniciamos hoxe unha rolda de mesas de traballo para presentar a nosa axenda rural e urbana. Unha axenda para construír unha provincia sensible co cambio climático, que coida da súa veciñanza e que ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio”, explicou Luis López a meta deste proxecto.

Ao longo de toda a mañá, os asistentes traballaron sobre un plan que recolle os desafíos e oportunidades de futuro que debe afrontar a provincia. Deste xeito, os asistentes participaron en tres dinámicas de traballo dirixidas á pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nestas dúas comarcas. Unha xornada de traballo que ao longo das vindeiras semanas levarase a cabo no resto das comarcas que forman a provincia de Pontevedra.

Os criterios desta axenda rural e urbana rexen a acción de goberno da Deputación. Neste sentido, o presidente Luis López deu conta das iniciativas levadas a cabo polo seu goberno neste contexto que pasan pola activación do emprego nos concellos da provincia, no apoio ás entidades locais para redactar e executar proxectos transformadores e mellorar os servizos ou o traballo conxunto con outras administracións para mellorar os espazos públicos. “O emprego é fundamental para fixar poboación nos nosos concellos e activar a economía local, levamos mobilizados neste ano uns 5,4 millóns de euros ao abeiro do Plan + Provincia para contratar a 443 persoas en 34 concellos da provincia. En materia de investimentos, estamos xa a asignar os fondos para executar proxectos transformadores correspondentes á Liña 1 do +Provincia, dotada con 34 millóns de euros; e tamén do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotada con 4 millóns de euros. E en materia de sustentabilidade, esta mesma semana tivemos unha reunión da FEMP para falar de cidades saudables e dos pasos que temos que seguir para mellorar a calidade de vida nas nosas contornas urbanas e rurais”, ilustrou o mandatario provincial na apertura destas mesas.

Ademais, Luis López fixo tamén fincapé en dúas áreas fundamentais desta axenda rural e urbana ás que a Deputación presta especial atención. Son o reto demográfico e o impulso a proxectos transformadores. “É preciso valorar o reto demográfico para un reparto de fondos máis xusto que permita dar con solucións que palíen esa perda de poboación que afecta ao noso rural. E tamén era preciso a creación desa cuarta liña do +Provincia dotada con 1,2 M€ que permita deseñar proxectos que sigan eses criterios que marca esta Axenda Urbana”, remarcou o presidente provincial.

O presidente provincial apelou á necesidade de “tender pontes” e cooperar entre as distintas administracións para “construír unha provincia que vai a máis”, ao mesmo tempo que agradeceu a presencia de todos os asistentes nesta primeira mesa de traballo animounos a seguir traballando para construír “unha provincia que vai a máis”.

Comparte este artigo