Luis López sinala “a ponte de unión e cordialidade” entre Pontevedra e Madrid como a principal mostra do legado da vida e obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios

adminON
Lectura mínima de 4

O presidente provincial participa, xunto con Alfonso Rueda, Isabel Díaz Ayuso, Jose Luis Martínez Almeida; e o alcalde Alejandro Lorenzo nos actos de conmemoración do 150 aniversario do nacemento do ilustre construtor do Porriño

“Énchenos de orgullo que os cidadáns de Madrid nos elixan sempre para pasar os mellores días do seu ano nas Rías Baixas”, afirmou o titular do goberno da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo o legado da obra do arquitecto Antonio Palacios, autor de inmobles insignes nas Rías Baixas e na capital do país, como o reflexo dos lazos que unen á provincia de Pontevedra e Madrid no acto de conmemoración do 150 aniversario do nacemento do construtor porriñés que organizou o Grupo Editorial Prensa Ibérica este venres na Praza do Cristo do Porriño. Un acto no que participou o mandatario provincial, acompañado por membros do goberno da Deputación, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; e o alcalde de Madrid, Jose Luis Martínez-Almeida.

“Falamos dunha relación sólida e duradeira, como esa pedra. Integrada e harmónica, tal e como loce na fachada. Discreta a primeira vista pero sempre presente”, expuxo o mandatario provincial facendo referencia ao escudo de Galicia que o arquitecto Palacios integrou no centro do escudo de España que preside a fachada do Palacio de Cibeles.

Na carpa instalada na praza do Cristo do Porriño rendeuse homenaxe a un dos grandes referentes da historia da arquitectura en Galicia e España. Con motivo do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés, o grupo editorial de cabeceiras como Faro de Vigo organizou unha xornada na que se puxo en valor a obra de Antonio Palacios en Madrid e en Galicia, a través da proxección de dúas pezas audiovisuais e un coloquio titulado “Galicia e Madrid no 150 aniversario de Antonio Palacios” do que tomaron parte o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o alcalde do Porriño e deputado provincial, Alejandro Lorenzo; e rexedor madrileño, Jose Luís Martínez-Almeida. Unha xornada que rematou coa interpretación dos himnos de Madrid e Galicia.

No seu discurso, o presidente Luis López afondou na lonxeva relación que une a pontevedreses e madrileños. “Palacios tamén construíu unha ponte de unión, de cordialidade e –por que non dicilo— de intereses mutuos entre esta beira da Península e o seu centro. Hoxe, nun momento onde algúns queren levantar muros de agravios, división e ruído, é máis importante que nunca dicir que segue moi en pé”, defendeu o dirixente provincial, quen asegurou, diante da presidenta e alcalde de Madrid, que a cidadanía madrileña “sempre vai ter aquí unha casa”. “Énchenos de orgullo que nos elixan sempre para pasar os mellores días do seu ano, nas Rías Baixas ou transitando o Camiño unha e outra vez. Pero tamén para que veñan facer un negocio, a obter un título educativo ou, sinxelamente, a comezar unha vida aquí. E pola contra, sei tamén que os pontevedreses que fan o propio en Madrid atópanse sempre coa porta aberta”, incidiu López.

Despois de poñer en valor o labor do alcalde, Alejandro Lorenzo, “un galáctico do municipalismo”; do presidente Rueda, “que nos xestiona con solvencia dentro e nos defende con firmeza fóra”; Luis López concluíu o seu discurso salientando un rasgo compartido entre os dous territorios que marcaron a vida do “xenio” Antonio Palacios: “quen vai a Madrid ou a Pontevedra sempre teñen algo en común: que volven”.

Comparte este artigo