Luis Menor agradece a implicación do Goberno na defensa da candidatura da Ribeira Sacra e móstrase esperanzado cara o próximo ano: “Imos cumprir”

Redacción

A partir deste momento “toca traballar”, engadiu o presidente da Deputación ourensá, subliñando que este “pequeno retraso” cómpre tomalo como un unha oportunidade para demostrar que temos unha candidatura sólida para seguir optando a Patrimonio da Humanidade

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, expresou hoxe a súa confianza en que o próximo ano a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, logo da decisión adoptada esta madrugada na localidade surcoreana de Busán onde se reuniu o Comité de Patrimonio Mundial, que tras un intenso debate concluíu co acordo de devolver a candidatura da paisaxe da auga da Ribeira Sacra para unha mellor documentación do seu valor cultural e ambiental.

Luis Menor tivo palabras de agradecemento para o embaixador de España ante a Unesco, Miguel Iceta, pola defensa que realizou dunha candidatura “que demostra a forza que ten o  traballo conxunto”, o da Xunta de Galicia impulsando este proxecto, as deputacións de Ourense e Lugo apoiando con firmeza, e os representantes do Goberno ante a Unesco defendendo o potencial “dun dos enclaves naturais, culturais e patrimoniais máis importantes de Galicia”.

A partir deste momento “toca traballar”, engadiu o presidente da Deputación ourensá, subliñando que este “pequeno retraso” cómpre tomalo como un unha oportunidade para demostrar que temos unha candidatura sólida para seguir optando a Patrimonio da Humanidade.

O importante, puntualizou, “é que non temos que principiar de novo a candidatura, senón mellorala e consolidala”, polo que animou a todos os implicados a traballar “polo recoñecemento deste tesouro”.

Comparte este artigo