O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañou hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto de licitación do último tramo deste proxecto que suporá un investimento de 13 millóns de euros do executivo galego “beneficiando á metade da poboación da provincia”
Menor puxo en valor o firme compromiso e a implicación da Xunta coa cidade e con toda a provincia a través de proxectos que coma este “mellorará de xeito definitivo as conexións por estrada na contorna urbana”
Luis Menor destacou que a Xunta “volve demostrar con feitos, con orzamentos e con realidades que Ourense é unha prioridade absoluta”, engadindo que este tipo de proxectos son os motores necesarios para que a provincia siga medrando, atraendo investimentos e consolidándose como un territorio competitivo e atractivo para vivir e traballar
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañou hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto de licitación do último tramo da Ronda Este de Ourense que culmina a gran transformación da mobilidade ourensá, cualificou Menor.
Este proxecto, cun investimento de 13 millóns de euros, supón o impulso definitivo para desbloquear unha infraestrutura estratéxica, que amosa o firme compromiso e a implicación da Xunta coa cidade e con esta provincia, cun proxecto que “beneficiará á metade da poboación da provincia de Ourense, é dicir, investindo no 50% dos nosos habitantes”, dixo Menor.
Luis Menor quixo poñer de manifesto a verdadeira grandeza e magnitude duns traballos que marcarán un antes e un despois na vertebración da contorna, xa que este proxecto mellorará a calidade de vida, a seguridade viaria e a competitividade económica de Ourense.
A Ronda Este está deseñada para conectar de xeito fluído zonas estratéxicas e de alta densidade como o complexo hospitalario, o campus universitario e os principais accesos á cidade, o que permitirá aliviar notablemente o tráfico rodado no centro urbano e reducir os tempos de desprazamento de miles de usuarios diarios.
Outros compromisos da Xunta con Ourense
Luis Menor destacou que a Xunta “volve demostrar con feitos, con orzamentos e con realidades que Ourense é unha prioridade absoluta”, engadindo que este tipo de proxectos de gran envergadura son os motores necesarios para que a provincia siga medrando, atraendo investimentos e consolidándose como un territorio competitivo e atractivo para vivir e traballar.
Neste sentido, o presidente provincial dixo que nos vindeiros días comezarán as obras de ampliación do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, “máis de 300.000 metros, o máis grande de Galicia, que virá a sumar emprego industrial e de calidade”. Así como en materia turística, inaugurarase as últimas fases do Parque Acuático de Monterrei, “unha infraestrutura de primeira orde”, salientou o presidente da Deputación.
Menor dixo que a Xunta demostra esa “discriminación positiva” cara esta provincia destacando algúns dos investimentos realizados en materia de infraestruturas e comunicacións con proxectos clave as melloras nas estradas OU-540 (Celanova-Bande) e OU-533 (A Gudiña-Viana do Bolo), ou a aposta por unha mobilidade máis sostible co Plan de Sendas.
Un compromiso que lembrou, é extensible a ámbitos tan necesarios como a vivenda, coa construción de 64 vivendas públicas en Cambedo de Raia e o desenvolvemento de solo para 1.400 vivendas protexidas no Vinteún. Ademais, no eido social, ten a alianza entre a Xunta, a Deputación e os concellos permite crear máis de 400 prazas públicas de maiores en 16 municipios ourensáns, así como a colaboración público-privada que dotará á cidade dunha nova residencia, convertendo así a provincia de Ourense na “mellor preparada para envellecer de todo o Estado”, destacou Menor.

