Luis Menor pon en valor o traballo realizado a través de Vilas Termais da FEMP que “fortalece e consolida o termalismo como “recurso sanitario e estratéxico”

Redacción

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu hoxe en Alange (Badaxoz) a reunión do Consello de Goberno da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da FEMP

Entre as principais medidas acordadas, destaca a proposta de modificar o Real Decreto 1030/2006 para que o Sistema Nacional de Saúde recoñeza e financie as terapias balnearias como prestación sanitaria

A XIX Asamblea Xeral da Sección celebrarase en novembro en Archena (Murcia), onde se fará balance de todo o exercicio e ratificarase a incorporación dos novos socios colaboradores

O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da FEMP, Luis Menor, presidiu hoxe en Alange (Badaxoz) a reunión do Consello de Goberno de dita sección na que Menor puxo en valor o “traballo realizado” a través da mesma para “fortalecer e consolidar” o termalismo como “recurso sanitario e estratéxico”.

Na reunión, que estivo marcada polo “consenso” como expuxo Menor, avanzouse nos obxectivos que se marcaron para aumentar a representatividade territorial da sección incluíndo a novos actores do ámbito termal á mesma.

O termalismo como recurso sanitario

O punto máis destacado da orde do día foi a aprobación da proposta para modificar o artigo 5.4 do Real Decreto 1030/2006, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde (SNS).

Neste sentido, cabe destacar que a rede de Vilas Termais defende que o termalismo terapéutico constitúe un recurso sanitario, social e territorial estratéxico, avalado por numerosos estudos que acreditan os seus beneficios en patoloxías crónicas e na promoción do envellecemento activo.

Por iso, acordouse elevar á Xunta de Goberno da FEMP a solicitude ao Goberno de España para suprimir o termo “balneario” e a referencia ao “uso de augas” do apartado de exclusións, evitando que se equipare esta actividade de carácter sanitario e preventivo ao ocio ou ao confort.

Outras actividades da Sección

Durante a reunión do Consello tamén se deu conta dos avances nos novos modelos para incorporar socios observadores (entidades públicas) e colaboradores (empresas privadas do ecosistema termal), deseñados para xerar novas alianzas útiles e incrementar a representatividade da Sección.

Así mesmo, informouse do estado de execución da subvención de 100.000 euros outorgada pola Secretaría de Estado de Turismo que se está a destinar a tres eixes fundamentais conectados de forma directa coas necesidades de xestión dos destinos termais ourensáns: gobernanza, dixitalización e sustentabilidade.

Co obxectivo de capacitar ao persoal técnico municipal, aprobáronse tres accións formativas de entre 12 e 15 horas que se integrarán no Plan de Formación FEMP 2026 para abordar materias como a lexislación de augas, a identidade patrimonial e a xestión integral das vilas termais.

Finalmente, confirmouse que a XIX Asamblea Xeral da Sección se celebrará o vindeiro mes de novembro en Archena (Murcia), cita na que se fará balance de todo o exercicio e se ratificará a incorporación dos novos socios colaboradores. 

Comparte este artigo