Luis Menor recibe ao novo cónsul de México en Galicia, Alfonso Pereira, para impulsar os lazos institucionais e a captación de investimentos para Ourense

Redacción

O presidente da Deputación valorou “moi positivamente” que a provincia poida contar coa estreita representación dun país que considera “tan importante, influente e decisivo” para Ourense como é México, subliñando ademais os fortes vínculos que ten este país coa provincia, nomeadamente en lugares como Avión ou Beariz

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro institucional con Alfonso Pereira, novo cónsul honorario de México en Galicia, con motivo da súa recente toma de posesión.

Durante a reunión, Menor valorou “moi positivamente” que a provincia poida contar coa estreita representación dun país que considera “tan importante, influente e decisivo” para Ourense como é México, subliñando ademais os fortes vínculos que ten este país coa provincia, nomeadamente en lugares como Avión ou Beariz.

O encontro serviu para abordar as relacións bilaterais nun dobre sentido. Por unha banda, o presidente provincial destacou o firme compromiso da Deputación para “coidar e amparar” á comunidade ourensá que reside no país azteca, así como para atender as necesidades que poidan ter na súa terra de orixe.

Por outra banda, a reunión centrouse no ámbito económico. O presidente da Deputación subliñou que o perfil de Alfonso Pereira, unha persoa moi vinculada ao mundo da economía e a empresa, servirá como “altofalante” para situar á provincia de Ourense no punto de mira de “posibles investimentos”. O obxectivo é atraer non só o capital daqueles empresarios mexicanos que teñen raíces galegas, senón tamén abrir a porta a novos investidores doutros lugares do país.

Pola súa banda, o novo cónsul de México en Galicia mostrouse “moi ilusionado e contento” de que a representación consular galega estea tan vinculada a Ourense, dada a especial relación histórica que une a ambos territorios. Pereira trasladou a Luis Menor as súas enormes “ganas de traballar” en favor da comunidade no exterior, de captar investimentos para a provincia e de manter, en todo momento, unha “relación moi fluída” entre ambas as institucións.

Comparte este artigo