A vicepresidenta trasladou ao club o seu desexo de incluír esta actuación de mellora no convenio de investimentos que asina cada ano coa administración local
A representante provincial lamentou que o goberno de Abel Caballero non teña previsto abordar unha obra “tan necesaria” ata o exercicio 2027
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, comprometeu este venres á AD Carballal que o organismo provincial destinará os fondos necesarios para executar a reforma que precisa o pavillón municipal de Cabral se o Concello de Vigo o solicita. Así o trasladou publicamente Luisa Sánchez ao propio club durante o acto de presentación dos equipos da tempada 2025-26.
A vicepresidenta recordou que a Deputación propuxo hai varios meses á administración local acometer a remodelación desta infraestrutura deportiva municipal en 2025, con cargo aos cinco millóns de euros que ambas institucións convenian cada ano para investimentos na cidade. Con todo, o goberno local rexeitou este ofrecemento malia “o mal estado no que se atopan as instalacións”.
Ademais, Luisa Sánchez informou á AD Carballal de que o Concello de Vigo non prevé abordar esta obra “tan necesaria” ata 2027, tal e como avanzou o goberno de Abel Caballero á Deputación nas súas propostas de convenio para próximos exercicios.
Por outra banda, salientou o apoio da entidade provincial a este club de balonmán, ao que a Deputación aumentou a súa subvención este ano, dos 20.000 aos 30.000 euros. Ademais, está pendente a resolución do programa Depo Van para a adquisición de vehículos, axudas ás que aspira a AD Carballal.
A vicepresidenta desexou “os maiores éxitos” a todos os equipos, incluídos os pertencentes ás categorías inferiores. “Como todas as tempadas, haberá momentos bos e momentos malos. Cando cheguen os malos, tedes unha aliada na Deputación de Pontevedra”, sinalou.



