Marta Nóvoa destaca a colaboración entre a Deputación e a Confederación Empresarial de Ourense como motor de desenvolvemento económico para a provincia

Redacción

A vicepresidenta primeira da Deputación participou na clausura da Asamblea Xeral da CEO, onde puxo en valor a estreita colaboración entre ambas entidades

A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, participou esta tarde na clausura da Asemblea Xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), onde puxo en valor a estreita colaboración que ambas entidades manteñen desde hai anos para impulsar o desenvolvemento económico e fortalecer o tecido produtivo da provincia.

Durante a súa intervención, Nóvoa destacou que a cooperación entre institucións e axentes económicos resulta fundamental para afrontar os retos actuais e aproveitar as oportunidades de futuro. Neste sentido, subliñou que a relación entre a Deputación e a CEO constitúe “un exemplo de colaboración útil e eficaz ao servizo das empresas e da provincia”.

A vicepresidenta fixo referencia a iniciativas impulsadas conxuntamente, como o programa ExportOU, orientado a favorecer a internacionalización das empresas ourensás e a abrir novas oportunidades de negocio fóra das nosas fronteiras.

Así mesmo, agradeceu o labor que desenvolve a Confederación Empresarial de Ourense como entidade vertebradora do tecido empresarial, representando os intereses de centos de empresas, autónomos e emprendedores que contribúen diariamente á creación de emprego e riqueza no territorio.

Marta Nóvoa reiterou o compromiso da Deputación de Ourense de continuar colaborando coa CEO no impulso de proxectos que favorezan a competitividade, a innovación, a formación e a xeración de oportunidades para o conxunto da provincia.

Comparte este artigo