O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, anunciou este venres que o vindeiro mércores terá lugar a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para facer realidade a reforma integral das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, situadas en Muxa.
Fernández, quen será o representante da Deputación que asinará o acordo, pon en valor que este acto permitirá culminar un traballo institucional que a Deputación impulsou nos últimos meses para desbloquear unha actuación moi demandada. “O importante é que, despois de moitos anos de espera, a Protectora contará por fin co respaldo das administracións para acometer unha reforma imprescindible das súas instalacións”, sinalou.
O convenio mobiliza un investimento total de preto de 745.000 euros, financiado a partes iguais polas tres administracións, cunha achega de case 250.000 euros por cada unha delas. Miguel Fernández lembrou que a colaboración da Deputación vai máis alá da achega económica. Ademais de consignar a totalidade da súa contribución neste mesmo exercicio, a institución provincial cede á Sociedade Protectora o uso da parcela na que se atopan as instalacións durante un prazo de dez anos, unha medida que achega estabilidade ao proxecto e facilita a execución das obras.
Neste sentido, o Deputado destacou que a Deputación “cumpre cos compromisos adquiridos e lidera este investimento”, ao ser a única das tres administracións que realiza a totalidade da súa achega económica ao longo deste ano.
A reforma permitirá modernizar unhas instalacións que levan anos precisando unha actuación integral para adaptarse ás necesidades actuais e mellorar tanto as condicións dos animais como o traballo que desenvolven diariamente os profesionais e o voluntariado da Protectora.

