Mosquera destaca que as asignacións ás dúas cidades mantéñense igual que no 2015 mentres que as doutros concellos subiron de maneira “elevada”
O nacionalista apunta que cos remanentes de crédito, novos ingresos e anticipos o goberno disporá doutros 65 millóns de euros libres sobre o orzamento aprobado
O grupo provincial do BNG instou hoxe ao goberno da Deputación a “equilibrar” o reparto de fondos que reciben Pontevedra e Vigo cos do resto dos concellos da provincia. Así o manifestou hoxe no Pleno o portavoz nacionalista César Mosquera, quen subliñou que as asignacións ás dúas cidades mantéñense igual que en 2015 mentres que as dos demais municipios aumentaron de maneira considerable dende esa data.
O voceiro do BNG plantexou esta solicitude para xustificar a abstención do grupo nacionalista na aprobación da modificación de crédito debatida hoxe. Mosquera criticou que o Partido Popular non deu oportunidade algunha aos demais grupos da Corporación para facer as súas aportacións e chegar a un acordo conxunto, subliñando que se botaron en falta algunhas melloras e “retoques” en diferentes departamentos. “Se se tiveran falado non creo houbera maior problema en resolvelas”, insistiu.
Como cuestión principal, o deputado subliñou que o goberno provincial debería aumentar as achegas da Deputación ás dúas principais cidades da provincia que, de maneira tradicional, quedan fóra das reparticións dos plans de obras e servizos de competencia municipal, tanto do Plan Concellos anterior como do Plan + Provincia actual.
Apuntou que as contías marcadas no ano 2015 para ambas vilas mantéñense conxeladas, mentres que as partidas do resto de concellos foron subindo “de maneira bastante elevada”, polo que insistiu en que habería que “facer un equilibrio”, xa que ambas cidades “quedan proporcionalmente bastante peor que os concellos pequenos: as súas asignacións van contraendo”.
Mosquera lembrou que pechados os números do ano pasado demóstrase que a Deputación quedou “francamente ben” economicamente “en contra do que se intentou insinuar pola Presidencia”. Subliñou que cos remanentes líquidos de 2023, que ascenden a 24,6 millóns de euros (unha vez detraídas as partidas comprometidas), xunto a novos ingresos e anticipos, deixarán unha dispoñibilidade de cartos libres para este exercicio que ascende a 65 millóns de euros. Defendeu así que “hai colchón e marxe” para que o goberno provincial leve adiante novos repartos de fondos, e faga máis actuacións e investimentos nos concellos.
Convenio de Balaídos
Por outra banda, o voceiro do BNG na Deputación manifestou a satisfacción pola aprobación do convenio para o financiamento da reforma da grada de Gol en Balaídos. Lembrou que o debate sobre a mellora do campo vigués comezou antes da proposta do novo campo de Pasarón en Pontevedra, xa rematado hai anos. “Tras incidencias, contraincidencias, e disputas… 25 anos despois éntrase na última fase da remodelación. Non sei de quen foi a culpa, pero a fluidez e a facilidade para levar adiante a mellora de Balaídos entre o Concello de Vigo e a Deputación non foi precisamente exemplar. Dito isto alegrámonos de que se remate esta historia truculenta con ben. Nunca é tarde se a dita é boa”, subliñou o nacionalista.

