O deputado de Cultura e vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, participou na inauguración da mostra “39: De sur a norte en formato de Caixa”
O Centro Cultural busca, a través desta exposición, dar a coñecer os traballos de artistas emerxentes procedentes de diversos lugares
A Deputación de Ourense inaugura no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “39: De sur a norte en formato de Caixa”, do artista andaluz Fran Cabeza. A mostra, que poderá visitarse ata o 2 de marzo, enmárcase nunha programación que pretende dar a coñecer os traballos de artistas emerxentes procedentes de diversos lugares.
Neste caso, a peculiar pintura do autor será a gran protagonista dunha escolma que se inaugurou este venres e que se suma a outras mostras dispoñibles no espazo expositivo, dentro do impulso da Deputación de Ourense ás actividades culturais. César Fernández, deputado de Cultura e vicepresidente segundo da Deputación, participou na presentación da mostra. Animais e criaturas mariñas de gran formato serán as grandes protagonistas da exposición.
Do mesmo xeito que as carabelas de Colón, o artista Fran Cabeza partiu de Huelva un día rumbo á aventura, unha aventura que o trouxo a Vejer; é neste lugar onde se asenta e crea a súa propia selva, un espazo moi orixinal chamado A Caixa, cheo de ilustracións onde os animais personificados cobran vida e as criaturas mariñas mergullan entre a cerámica dunha maneira peculiar.
Pode que nada teña que ver con aquela viaxe ás Américas, pero sen ningunha dúbida, A Caixa é un cruceiro artesanal de ilusións e soños que asolagará de cor e conquistará aos visitantes.
O número 39 fai referencia a idade do artista, mentres que 390 son os metros cadrados que hai pintados nesta colección.
Fran Cabeza vén do sur en forma de “caixa”, de gran formato, fusionando a temática animal da cerámica coa expresión e a forza da cor na pintura.
“A obra deste artista caracterízase por unha forte expresividade apoiada na forza da cor; emprégao con xenerosidade, servíndose dunha conxugación acertada dos contrastes, que conviven e comparten proximidade con outros espazos nos que a harmonía das transicións cromáticas serve para equilibrar o conxunto”, sinala o catedrático de Belas Artes da Universidade de Sevilla, Juan Francisco Cárceles, sobre a exposición.