O BNG de Poio lamenta que Moldes repercuta directamente no peto da veciñanza o custo das futuras obras de saneamento

Redacción

Marga Caldas defende que o Concello debería buscar financiamento público para modernizar a rede, evitando que sexa a nova concesionaria a que realice todo o investimento e cargando o custe ás familias con subidas no recibo de máis do 75%

O BNG de Poio lamenta que o goberno de Ángel Moldes opte por repercutir directamente sobre as veciñas e os veciños o custo das obras de modernización da rede de saneamento que deberá executar a nova empresa concesionaria do servizo, Gestagua-Prace-Ingeser, cuxa adxudicación está prevista para hoxe no Pleno. A voceira nacionalista Marga Caldas considera que as actuacións necesarias para mellorar o saneamento de Poio son “imprescindibles”, pero cuestiona que o PP pretenda facelas recaer integramente sobre os recibos da auga en lugar de xestionar tamén financiamento público para poder levalas adiante.

“Estas obras son necesarias para Poio, pero non poden facerse a calquera prezo nin a costa de hipotecar durante décadas as economías das familias. A empresa vai facer as obras, pero en ningún caso vai facelas para regalar nada: vainas cobrar, e ben, a cargo dos recibos da xente de Poio, que subirán un 30% no primeiro ano e un mínimo do 75% no terceiro”, advirte Caldas.

A nacionalista subliña que a concesionaria non vai asumir realmente o custo das actuacións como unha perda económica, xa que o modelo de concesión que o PP aproba hoxe está deseñado precisamente para garantir a viabilidade económica do servizo. “O que a empresa invista non o vai perder. Vai recuperalo a través do propio contrato e dos ingresos que vai obter pola privatización da auga, que queda nas mans da empresa. O que fai Moldes é trasladar á veciñanza o custo dun investimento que podería ter outras vías de financiamento”, explica.

O BNG defende que as obras de saneamento necesarias para Poio deberían financiarse mediante unha combinación de recursos privados (pola concesión) e públicos, recorrendo dende o Concello ás distintas ordes de axudas, subvencións existentes ou do propio canon da auga. Caldas lembra que durante os gobernos anteriores do BNG nunca se cargou todo o investimento sobre os recibos da veciñanza. “Hai recursos e hai instrumentos. O que hai que facer é xestionalos e pelexar por eles. É máis cómoda unha privatización total do servizo que ter que preocuparse en xestionar axudas burocráticas, señor Moldes? Elixírono para traballar e xestionar, non para vender Poio”, reprocha Caldas.

O BNG insiste en que a nova concesión supón unha importante suba dos recibos da auga. Segundo a propia documentación municipal, no primeiro ano está prevista unha suba media do 30% e no terceiro ano unha nova subida do 34,96% sobre a tarifa xa incrementada, o que eleva a suba acumulada até o 75,4%. Ademais, dende o segundo ano o aumento pode ser maior, explica Caldas, xa que queda condicionado a unha fórmula na que hai variables se ascende o prezo da enerxía ou o propio custe do subministro da auga en alta.

“Estamos a falar dun ‘taxazo’ que xa vai supor un golpe moi importante para as familias de Poio e que agora se pretende xustificar tamén polo investimento en saneamento. Pero unha cousa é que haxa que facer obras e outra moi distinta é decidir que as familias teñan que pagar o 100% do seu custo a través do recibo”, subliña Caldas.

A nacionalista pon como exemplo o caso de Baiona, tamén gobernado polo PP e onde a concesión do servizo foi adxudicada igualmente a Gestagua. “Outros concellos do PP contrataron con Gestagua e non hipotecaron da mesma maneira á súa veciñanza. En Baiona o primeiro ano do contrato a veciñanza tivo mesmo unha rebaixa do 3%. Polo tanto, non é inevitable que unha concesión se traduza nun ‘taxazo’ cun incremento do 75% en tres anos. É unha decisión política”, afirma.

Para Caldas, a prioridade debería ser buscar fórmulas que permitan realizar as obras necesarias garantindo ao mesmo tempo que o impacto económico sobre as familias sexa o menor posible. “O obxectivo dun goberno municipal debería ser buscar o beneficio da veciñanza sen que teña que estar explotada. As obras son necesarias, pero non a calquera prezo”, insiste.

Comparte este artigo