Salvaterra celebra o 25N coa entrega dos premios do concurso de slogans contra a violencia de xénero

Redacción

O Concello de Salvaterra de Miño, a través da Concellería de Servizos Sociais, conmemora o vindeiro 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto de entrega dos premios do Concurso de Slogans dirixido ao alumnado do IES Salvaterra de Miño.

Esta iniciativa, que se enmarca dentro das accións de sensibilización e prevención que se desenvolven ao longo do ano, ten como obxectivo concienciar e educar á mocidade na loita contra a violencia de xénero, ofrecéndolle un espazo no que expresar as súas mensaxes, reflexións e posicionamento fronte aos malos tratos.

O Concurso de Slogans, organizado a través do Programa de Educación e Intervención Familiar, busca implicar á poboación máis nova na construción dunha sociedade libre de violencia, facendo que sexan os propios adolescentes os que transmitan mensaxes de igualdade, respecto e rexeitamento de calquera forma de violencia contra as mulleres.

Nesta edición, o Concello celebrará un acto conmemorativo dirixido a un sector fundamental da sociedade: a nosa xuventude. O 25 de novembro ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Salvaterra de Miño terá lugar a entrega dos premios aos slogans gañadores do concurso. Os premios serán catro: tres deles valorados en 50 euros, canxeables por material educativo, deportivo, roupa ou música, e un primeiro premio de 150 euros, tamén canxeable nestes establecementos e categorías. Ademais, o slogan gañador será o protagonista da campaña municipal de sensibilización e prevención do vindeiro ano.

Como en edicións anteriores, a mensaxe seleccionada poderá formar parte dos materiais de difusión que elabora o Concello, como os marcapáxinas, nos que se inclúen tamén os recursos, teléfonos e lugares aos que poden acudir as vítimas de violencia de xénero para recibir axuda e asesoramento.

O Concello de Salvaterra de Miño continúa así co seu compromiso coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres, desenvolvendo diferentes actuacións ao abeiro da subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

A través deste acto quérese tamén recoñecer a implicación e participación da mocidade nesta loita colectiva, lembrando que a educación, a sensibilización e a igualdade son ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e libre de violencia.

O noso maior desexo é que chegue o día no que non sexa necesario conmemorar esta data e no que a violencia contra as mulleres estea definitivamente erradicada da nosa sociedade.

Comparte este artigo