O goberno da Deputación pídelle á Xunta que lle transfira os 2,5 millóns que inviste ao ano nas residencias de maiores

Redacción

– O grupo socialista levará ao pleno unha iniciativa para instar á administración autonómica a que asuma as súas obrigas de coidado das persoas maiores

– A Deputación xestiona nove residencias públicas na provincia mentres a Xunta, con competencias e máis orzamento, ten oito e só catro delas son de xestión directa

– Case o 40% da poboación da provincia supera os 60 anos

O grupo provincial do PSOE na Deputación levará ao pleno da próxima semana unha iniciativa para instar á Xunta a que aumente os recursos para a atención ás persoas maiores na provincia de Lugo, de acordo co marco competencial das administracións públicas.

O goberno provincial destina ao ano máis de 2,5 millóns de euros ao mantemento das nove residencias de maiores que ten en funcionamento neste momento, con preto de 300 prazas e unha ocupación do 100%.

 “Quen ten as competencia e os cartos mira para outro lado e quen non ten nin unha cousa nin a outra sostén o servizo”, remarcan os socialistas.

O grupo de goberno lembra que a Xunta ten un orzamento de 14.240 millóns de euros en 2026, dos que destina 1.391 millóns a área de Política Social. Mentres, a Deputación de Lugo dispón para este exercicio de 135 millóns de euros para todas as súas competencias, entre elas a amplísima rede de estradas, de máis de 4.000 quilómetros.

Dende o 2019, a Deputación leva mobilizados 47 millóns de euros nos centros de atención a maiores, cifra á que hai que sumar o diñeiro que lle aporta aos concellos para sufragaren o Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) e o investimento no servizo de teleasistencia.

A Deputación apostou hai anos por unha rede provincial de residencias, que ademais permite que os maiores se manteñan nas súas zonas, ante a insuficiente resposta da Xunta.

Cun orzamento moito menor e sen ter a obriga, a Deputación mantén neste momento nove residencias cuxa construción, xestión e dirección son totalmente públicas e ten en obras ou en proxecto outras oito. Recentemente desbloqueou as obras dos centros de A Pontenova e Guitiriz, que se retomarán en breves, e está equipando a de Becerreá.

A Xunta ten neste momento na provincia de Lugo só oito residencias (unha menos que a Deputación) e desas tan só catro son públicas. As demais son de xestión privada con prazas concertadas.

Ante esta situación, os socialistas pídenlle á Xunta que “poña fin ao abandono no que ten a atención a maiores na provincia de Lugo, a máis avellentada e con menos prazas residenciais de Galicia”. O 33,7% da poboación lucense supera os  60 anos, seis puntos por riba da media galega.

“Son necesarias máis prazas e que sexan públicas”

Outro dos puntos da moción que defenderá o principal grupo de goberno na Deputación no pleno do vindeiro martes é a solicitude á Xunta para que revise o programa de residencias que anunciou recentemente, con só catro para a provincia de Lugo (dúas delas satélites) e ningunha na capital lucense. “E o que é peor, a propia Xunta recoñece que o 40% desas novas prazas serán totalmente privadas”, remarcan os socialistas.

“É necesario un modelo de residencias de titularidade e de xestión cen por cen públicas, desbotando a privatización de prazas e a colaboración público-privada como vía preferente”, insisten.

O grupo provincial tamén pide á Xunta que publique os criterios técnicos baixo os que seleccionou os concellos nos que prevé construír as novas residencias e que concrete o orzamento e a data de execución que contempla para cada unha delas.

Comparte este artigo