Home Deputacións Deputación Pontevedra O goberno provincial garante a continuidade do Plan para recuperar xacementos Galaico-Romanos...

O goberno provincial garante a continuidade do Plan para recuperar xacementos Galaico-Romanos e anuncia que xa hai outros 11 proxectos en revisión

- Anuncio -

O Pleno sumouse de forma unánime á  declaración de pesar da presidenta tralo “duro golpe” polo falecemento da ex-alcaldesa de O Porriño Eva García de la Torre

As palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresando o pesar da institución tralo súbito pasamento da que foi alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, marcaron o inicio do Pleno ordinario celebrado hoxe pola Corporación provincial. “Un forte abrazo á familia da primeira muller alcaldesa do Porriño”. “Como presidenta e como amiga de Eva”, afirmou a presidenta provincial, “a súa morte supón un golpe moi duro”. “Esta Administración provincial envía especialmente á súa filla e ao seu fillo o noso cariño”. Carmela Silva, que quixo estar no comezo da sesión e abandonouna deseguido para dirixirse ao tanatorio, expresou tamén a gratitude á corporación “en nome do Partido Socialista pola unidade diante da dor causada pola desaparición dunha persoa nova” do mundo local da provincia.

Xa dentro da orde do día, a Deputación aprobou por unanimidade a adhesión á Rede de Cidades Saudables, promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O acordo permitirá acceder as axudas, por importe global de 18 millóns de euros nos próximos tres anos, para desincentivar o uso dos vehículos privados e promover formas alternativas de mobilidade. A rede fomentará a execución de carrís bici e infraestruturas para a realización de actividade física ao aire libre, así como de rutas e circuítos saudables entre o medio urbano e periurbano. Desenvolverá accións para combater o efecto “illa de calor urbana” e promocionará hábitos e rutinas saudables entre a infancia e a adolescencia.

Unha “moción incongruente co seu pasado”

A moción presentada polo PP para que a Deputación asumise directamente a recuperación dos xacementos arqueolóxicos galaico-romanos da provincia “no caso de que o Ministerio de Fomento suspenda as seguintes fases” foi desestimada cos votos do Goberno provincial (PSdeG-PSOE e BNG). O vicepresidente, César Mosquera, expresou a súa sorpresa diante dunha moción que cualificou como “preventiva” ou “moción por se acaso”. Foi o voceiro do grupo socialista e concelleiro de Economía e Facenda, Carlos Font, quen asumiu o debate expresando a súa incredulidade cun PP que asume como propios os argumentos dun colectivo “e lánzase como kamikaze a unha moción incongruente co seu pasado”. Así, nun repaso histórico lembrou que este protocolo foi asinado en 2015 polo anterior presidente provincial Louzán e, entre outros defectos, carecía mesmo de asignacións orzamentarias, planificación ou calendario. Nin sequera, engadiu, había previsión sobre a dispoñibilidade dos terreos o que, pouco despois, obrigou a renunciar á recuperación do xacemento de Porta dos Arcos (Rodeiro) diante da negativa da comunidade de montes. “Non tiñan nada feito, algo que parece responder a un patrón con todos os proxectos que herdamos”. Explicou que foi o actual Goberno quen tivo que aprobar dúas prórrogas do protocolo, unha vez que durante toda etapa de Mariano Rajoy nin se redactaron, nin se aprobaron, nin se licitaron os proxectos. Con todo, lembrou que é a Xunta de Galicia quen debería estar recuperando os xacementos, en virtude das competencias sobre patrimonio histórico-artístico que lle atribúe o Estatuto de Autonomía de Galicia.

A Deputación, “comprometida con feitos e non con declaracións oportunistas”

Carlos Font aclaroulle ao PP que, unha vez rematada a primeira fase do protocolo que xa significou a recuperación e posta en valor dos castros de Alobre (Vilagarcía), Toiriz (Silleda) e a Subidá (Marín) xa están revisión outros 11 proxectos de musealización, todo elo de acordo cos criterios e directrices da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo o plan de recuperación dos xacementos non está paralizado., “senón en marcha e se xorden incidencias iranse tomando decisións oportunas”. “O compromiso desta Deputación é con feitos e o seu coas declaracións oportunistas”, remarcou o deputado, quen animou ao voceiro do PP, Jorge Cubela, a “predicar co exemplo” limpando os accesos ao castro da Cruz do Castro, en Cerdedo-Cotobade, “que está en tal estado de abandono que nin se pode acceder para unha visita”.

Finalmente, lembroulle ao PP algúns fitos do seu pasado recente á fronte da Deputación como a nula execución do proxecto “Trazas de Pontevedra”, que, afirmou, “quedou en papel mollado”, non sen antes repasar o sucedido coas Pousadas do Salnés, financiadas con fondos europeos e rematadas sen licencia, sen seguro, sen contratación de seguridade e mesmo coas partidas de electricidade esgotadas, “un tema que foi obxecto de preguntas parlamentarias en Europa en 2013 e no ano 2014 dunha denuncia da Oficina Europea de Loita contra o Fraude”. Font aludiu tamén aos 3,6 millóns de fondos FEDER que tivo que devolver a Deputación polo sucedido co proxecto DepoTrans de minidepuradoras ou aos 6,1 millóns do proxecto DepoGap, de dixitalización da Administración local, que tamén houbo que devolver a Europa en 2016 por irregularidades na xestión. Por todo elo recomendou ao grupo provincial do PP que “non enrede” e “deixe traballar”.

Finalmente, o Goberno provincial desestimou outra moción do PP que reclamaba a restauración da ponte das Achas, na Cañiza, un viaduto situado no antigo trazado da EP-5002, trala execución en 2016 da variante. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, cualificou esta iniciativa como “outra moción oportunista máis, sen medo a facer o ridículo” e reiterou que o proxecto desta obra, valorada en 411.000 euros, xa está redactado e comunicado ao Concello. Agís explicou que o PP pretende “colgarse unha medalla reclamando algo que xa se está a facer”.

O responsable das estradas provinciais explicou que o alcalde cañicense, Luis Piña, indicou que a previsión inicial de restaurar só a ponte era insuficiente e apostou por un proxecto integral, cunha lonxitude de 560 metros, para resolver a mobilidade entre os núcleos das Achas e a Ponte, incluíndo sendas peonís, mellorando a seguridade viaria e establecendo restricións ao tráfico motorizado, “antepoñendo, de acordo cos criterios de mobilidade do século XXI da Deputación, as persoas aos vehículos”. Agís engadiu que o alcalde Piña, con quen mantivo varias xuntanzas de traballo, informou de avances de cara á cesión dos terreos necesarios e que a obra executarase “no menor prazo posible”, aínda que recalcou que a Deputación ten unha rede provincial de 1.700 Km e cómpre planificar adecuadamente tódalas actuacións. Agís afeoulle ao PP os seus continuos intentos por poñer trabas ou de apropiarse das iniciativas alleas e concluíu que o actual Goberno da Deputación “traballa en coordinación cos alcaldes; con tódolos alcaldes, sexan da cor política que sexan, e non só con algúns como sucedía antes”.

Relacionadas

O concello proxecta a ampliación dun tramo do camiño Banda do Río de Campelo...

0
• A actuación tamén servirá para reforzar a seguridade viaria e o tránsito peonil neste emprazamento da parroquia de San Xoán O Concello de Poio...

A Xunta inviste preto de 120.000 euros na mellora de áreas cortalume e de...

0
As actuacións do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés céntranse en preto de 50 hectáreas dos concellos de Pontevedra, Barro, Meis e Poio, así como...

0
A XUNTA REMATA AS ACTUACIÓNS DE CONSERVACIÓN E LIMPEZA NOS TREITOS INTERURBANOS DE DOUS RÍOS NO CONCELLO DE BUEU ― Os traballos realizáronse na parroquia...

O BNG chama a Jorge Cubela, ao PP e ao PSOE a se sumar...

0
Domingo 22 de maio ás 12 h. na praza do Concello de Cerdedo. Dentro da campaña de información e mobilización social que está a levar...

O centro municipal de Canedo, en proceso de mellora

0
Comezaron as obras de renovación da envolvente térmica do edificio, coas que aumentar a eficiencia enerxética e ofrecer un maior confort ás persoas usuarias O...

A Plataforma ENCORO NON realizará este sábado unha acción de concienciación cidadá consistente na...

0
Mantiveron contactos con representantes veciñais da Fraga, Laxoso e Portasouto para incorporalos a este movemento de oposición ás alternativas para o abastecemento de auga...

Publicacións Relacionadas