A iniciativa, subvencionada pola Deputación de Pontevedra, está dirixida a mozas e mozos de 6º de Primaria e da ESO e permitirá achegarse á comunicación audiovisual e á memoria oral do municipio a través da creación de videopodcast en galego
O Concello de Oia abre o prazo de inscrición para participar en “Oia en Podcast”, un obradoiro de creación audiovisual en galego dirixido a mozas e mozos de 6º de Educación Primaria e da ESO. A actividade forma parte do programa municipal de normalización lingüística e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro 20 de outubro. O obradoiro desenvolverase nas instalacións do CEIP Mestre Manuel García e constará de 8 sesións de dúas horas de duración, que terán lugar os xoves de 16.00 a 18.00 horas, entre o 22 de outubro e o 3 de decembro.
Durante o obradoiro as persoas participantes coñecerán as diferentes fases da creación dun podcast audiovisual, desde a preparación dos contidos ata a realización das entrevistas e a elaboración das gravacións. O traballo estará coordinado por un equipo multidisciplinar de profesionais que se encargarán de traballar na linguaxe audiovisual, guiar o proceso técnico e creativo e facer unha revisión lingüística conforme á normativa da Real Academia Galega.
En total elaboraranse 4 videopodcast en galego que permitirán divulgar aspectos vinculados á historia, ás tradicións e ao patrimonio inmaterial de Oia. Os traballos serán presentados nun acto público aberto á veciñanza, ás familias e ás persoas participantes. Posteriormente difundiranse a través dos canais de comunicación municipais e tamén pasarán a formar parte dun arquivo audiovisual de carácter divulgativo e educativo.
Con esta iniciativa, o Concello busca fomentar o uso e o prestixio da lingua galega entre a mocidade a través dun formato comunicativo próximo ás novas xeracións como é o videopodcast. Ao mesmo tempo, pretende favorecer o diálogo entre xeracións e contribuír á conservación da memoria oral do municipio mediante a recollida de testemuños da veciñanza.

