A mostra do veterano fotógrafo coruñés abre as súas portas na sede de Turismo Rías Baixas o xoves 19 de xuño e poderá visitarse ata o 9 de xullo
A Deputación de Pontevedra inaugura este xoves 19 de xuño ás 19:00 horas no Palacete das Mendoza a exposición “O Camiño Portugués, por Pepe Varela”. A mostra, protagonizada por imaxes do veterano fotógrafo coruñés. estará dispoñible ata o 9 de xullo na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
Na mostra, Pepe Varela, de 88 anos e cunha traxectoria marcada pola paixón e o talento, invítanos a descubrir o Camiño Portugués a través dos seus ollos, percorrendo este itinerario desde unha perspectiva íntima e emocional. O artista, que dedicou a súa vida a capturar a beleza dos momentos efémeros, amósanos imaxes que van máis alá da paisaxe, retratando a serenidade, a maxia dos detalles e a conexión profunda cos peregrinos. Cada fotografía é un testemuño da súa habilidade para contar historias sen palabras, transmitindo emocións e vivencias únicas a través dunha viaxe visual que celebra a vida, a arte e o espírito do Camiño. Deste xeito, a exposición é unha homenaxe á súa mirada, ao seu legado e ao seu amor pola fotografía, que aínda segue vivo despois de tantos anos.
Os horarios de visita da mostra “O Camiño Portugués, por Pepe Varela” no Palacete das Mendoza serán os seguintes: de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.