O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera presenta a súa XVIII edición con oito concertos entre abril e setembro

Redacción
Lectura mínima de 3

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera regresa este 2026 coa súa décimo oitava edición, consolidado como unha das citas culturais de referencia no sur de Galicia. A programación inclúe un total de oito concertos que se celebrarán entre o 25 de abril e o 12 de setembro na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera en Covelo.

A rolda de prensa de presentación celebrouse hoxe en Mondariz Balneario e contou coa presenza de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Juan Pablo Castillo Amigo, alcalde do Concello de Covelo; José Rafael Antela, presidente da Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera; Avelino San Luís, vicepresidente da entidade; así como dos alcaldes de Mondariz Balneario e Mondariz, César Gil Bernárdez e Pablo Barcia.

Este ciclo continúa apostando pola excelencia musical e pola combinación única de patrimonio e cultura, ofrecendo ao público un percorrido sonoro que abrangue diferentes épocas e estilos da música culta, dende a tradición renacentista e barroca ata propostas máis contemporáneas.

O concerto inaugural terá lugar o 25 de abril a cargo do cuarteto Ars Bohemia. O 9 de maio será a quenda do Dúo de arpa e frauta (Raña–Barreiro), mentres que o 6 de xuño actuarán Luis Cansino e Arabel Moragüez (barítono e piano).

Xa no verán, o 4 de xullo contará coa actuación de Sara Ruiz (viola de gamba), e o 25 de xullo representarase “Vida Retirada”, baseada na obra de Fray Luis de León, baixo a dirección de Ignacio García.

O mes de agosto incluirá dous concertos: o 15 de agosto, con Ana Melkhova e Paula Gago (soprano e piano), e o 29 de agosto, con Cum Altum – Sound the Trumpet Clarines.

O ciclo pecharase o 12 de setembro co concerto de clausura a cargo de Vox Stellae.

Todos os concertos darán comezo ás 20:00 horas e, debido ao aforo limitado, será preciso realizar reserva previa. A organización establece un donativo de 10 euros por concerto.

Dende a organización destacan o apoio das administracións públicas e entidades colaboradoras, en especial o respaldo da Xunta de Galicia e do Concello de Covelo, fundamentais para manter viva esta proposta cultural que cada ano atrae a un público máis amplo.

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera continúa así fortalecendo o seu prestixio, converténdose nun referente que sitúa a Covelo e á súa contorna no mapa da música de calidade.

Comparte este artigo