– O Deputado Miguel Fernández inaugurou estas xornadas dirixidas ao alumnado da Universidade de Santiago, nas que destacou o traballo da Deputación “para achegar a saúde á xente, especialmente nunha provincia extensa e diversa como a nosa”
– Hoxe e mañá o Salón de Actos da sede provincial reúne a destacados profesionais da sanidade galega, dirixidos polo cardiólogo Carlos González Juanatey, para abordar os principais factores que inflúen na saúde cardiovascular desde unha perspectiva integral
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, inaugurou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos un curso de verán da Escola Universitaria de Enfermaría centrado na prevención do risco cardiovascular. Na súa intervención, destacou a importancia da prevención como ferramenta fundamental para mellorar a saúde da poboación. “Como enfermeiro, teño moi presente que ás veces a mellor medicina é, moitas veces, a que chega antes da enfermidade”, subliñou.
Fernández puxo en valor tamén o papel da formación e da divulgación científica para avanzar cara a unha sociedade máis saudable. “Espazos como este permiten compartir coñecemento, actualizar evidencias científicas e reflexionar sobre como trasladar ese saber á vida cotiá da cidadanía”, sinalou. Nese sentido, explicou que a Deputación comparte esa visión e traballa para construír unha provincia máis saudable e segura, apoiando iniciativas de promoción da saúde e impulsando medidas para facer de Lugo unha provincia cada vez máis cardioprotexida.
“Temos a responsabilidade de achegar a saúde á xente, especialmente nunha provincia extensa e diversa como a nosa, onde é fundamental garantir oportunidades e recursos para todas as persoas, vivan onde vivan”, engadiu.
Dúas xornadas con profesionais de referencia
Preto de 60 estudantes de Enfermaría participan neste curso, organizado pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo e dirixido polo xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), Carlos González Juanatey, e polo xefe do Servizo de Atención Primaria de Monforte de Lemos, Rosendo Bugarín González. A xornada inaugural contou tamén coa participación da directora da Escola Universitaria de Enfermaría, Pilar Penela Puga.
Ao longo de hoxe e mañá, o alumnado afondará en cuestións clave para a prevención cardiovascular, como a promoción de estilos de vida saudables, os obxectivos actuais da prevención cardíaca, a influencia da contaminación ambiental e da saúde mental sobre a saúde cardiovascular, así como a importancia do exercicio físico e da educación sanitaria. O programa complétase con talleres prácticos sobre anatomía cardíaca e adestramento físico aplicado á prevención e á rehabilitación cardiovascular.
O curso reúne a destacados profesionais da sanidade galega co obxectivo de ofrecer unha visión actualizada e multidisciplinar dun dos principais retos de saúde pública, fomentando entre os futuros profesionais da enfermaría a adquisición de coñecementos e ferramentas para promover hábitos de vida saudables e contribuír á prevención das enfermidades cardiovasculares.

