O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, participou hoxe na presentación desta competición, que reunirá en Ourense aos mellores equipos de Galicia, Navarra, País Vasco, Canarias e Comunidade Valenciana
O Pazo dos Deportes Paco Paz converterase esta fin de semana nun dos grandes referentes do fútbol sala base estatal coa celebración da fase previa do Campionato de España de Clubs Sub-16 Masculino, unha competición que reunirá na cidade a cinco dos mellores conxuntos do panorama nacional.
O vicepresidente segundo e deputado de Deportes da Deputación de Ourense, César Fernández, participou hoxe na presentación oficial do torneo, destacando a importancia de que a provincia siga sendo escenario de eventos deportivos de primeiro nivel que contribúen á promoción do deporte base e á proxección de Ourense como destino para a celebración de grandes competicións.
Durante tres intensas xornadas, do 5 ao 7 de xuño, o Paco Paz acollerá os encontros desta fase previa, na que participarán a Academia Futsal Ourense, representando a Galicia; o C.F.S. Ribera, de Navarra; Eguzki Areto Futbola, do País Vasco; Malta 97, de Canarias; e o C.D. Nueva Elda F.S., da Comunidade Valenciana.
O conxunto ourensán abrirá a competición o venres ás 11.00 horas fronte ao representante canario e volverá saltar á pista ás 17.00 horas para enfrontarse ao equipo vasco. O sábado disputará o seu terceiro encontro ante o conxunto valenciano, ás 13.00 horas, mentres que o domingo pechará a súa participación fronte ao C.F.S. Ribera de Navarra, ás 13.00 horas.
O campión deste grupo logrará a clasificación para a fase final do Campionato de España, polo que todos os encontros presentan unha elevada relevancia competitiva.
O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, subliñou o compromiso da institución provincial co deporte base e coa organización de eventos que fomentan a práctica deportiva entre a mocidade, ao tempo que xeran actividade económica e promocionan a provincia a través do deporte.
A celebración desta fase previa no Paco Paz consolida unha vez máis as instalacións deportivas provinciais como referentes para a acollida de competicións de ámbito nacional.

