O PSdeG-PSOE esixe explicacións inmediatas ao Goberno de Luís López ante o “peche con nocturnidade” da oficina de Turismo de Armenteira

adminON

Ana Laura Iglesias denuncia que as monxas do Mosteiro se atoparon coa instalación “completamente desmantelada cando falamos dunha oficina icónica da Rede Info Rías Baixas, que ostenta a Q de calidade e que foi dixitalizada co programa Tourist Inside”

A alcaldesa de Meis cualifica de “intolerable o peche unilateral da Oficina, sen comunicalo ao Concello e deixando ás persoas peregrinas e o turismo completamente desasistido cando chegan á “Catedral do Salnés”

O Grupo Provincial do PSDG-PSOE instou hoxe ao presidente da Deputación de Pontevedra “a dar explicacións urxentes ante o sorprendente peche da Oficina de Turismo do Mosteiro de Armenteira, unha das oficinas máis relevantes da Rede Info Rías Baixas e de xestión directa da propia institución provincial”. A portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, que visitou hoxe o Mosteiro acompañada do deputado Javier Mougán e da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, manifestou a súa estupefacción ante o ocorrido no Mosteiro onde as monxas se atoparon este venres coa oficina pechada e completamente desmantelada: “leváronse as mesas, cadeiras, o mostrador e ata as estanterías sen que ninguén dixera porque”.

A deputada sinalou que “resulta indignante que, por enriba, fixeran semellante desfeita con nocturnidade e aleivosía, xa que as monxas fixeron chegar ao goberno de Luís López o seu desexo de renovar o convenio que o Mosteiro ten coa Deputación e nunca tiveron contestación ata agora que atoparon a oficina desmantelada”. Iglesias lamentou tamén o  “lamentable procedemento de levarse todo sen informar ás relixiosas, que nos trasladaron a súa preocupación xa que, amais, esta Oficina xestionaba as visitas guiadas ao Mosteiro, e era unha referencia para milleiros de peregrinos e peregrinas que realizan a variante espiritual do Camiño Portugués”.

A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, cualificou de “intolerable a actuación da Deputación que non comunicou nada ao Concello para explicar as razóns deste peche insólito e prescinde dunha oficina no lugar máis emblemático da comarca, con gran movemento, deixando desasistido ao turismo e ás persoas peregrinas que se achegan ao Mosteiro que é á Catedral do Salnés. É incomprensible e reivindicamos a súa reapertura inmediata polo enorme dano que fan á nosa comarca. A alcaldesa mostrou tamén a súa incredulidade polas formas coas que o goberno provincial actuou co desmantelamento “sen avisar a ninguén”.

Ana Laura Iglesias esixiu ao goberno da Deputación que explique de forma inmediata as razóns do ocorrido e unha desculpa pública por como o fixeron”. A portavoz lembrou que a Oficina de Turismo do Mosteiro de Armenteira é unha das tres instalacións icónicas da Deputación, xunto á do Palacete das Mendoza e a do Aeroporto de Peinador. Amais, ostenta a Q de calidade, o distintivo que concede o ICTE, convertendo a Oficina do Mosteiro nunha referencia en atención ás e aos visitantes, cumprimento dos estándares e procedementos certificados. “De feito, engadeu Iglesias, aínda no pasado xaneiro o goberno de Luís López recolleu en Madrid a renovación da Q da oficina de Armenteira que agora desmantela. Todo é lamentable”.

Por outro lado, a instalación estaba completamente transformada e recentemente foi dixitalizada co proxecto europeo Tourist Inside, xestionado polo goberno anterior, que a dotou de todas as novas tecnoloxías para a inclusión e accesibilidade e de información ao turismo.

Comparte este artigo