O Teatro Principal da Deputación realiza un simulacro de emerxencia continuando co plan de seguridade nos edificios provinciais

Redacción
IMULACRO NO TEATRO PRINCIPAL O Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Deputación organiza un simulacro no Teatro Principal dentro do plan de autoprotección de edificios provinciais.

O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolleu hoxe un simulacro de emerxencia, dando continuidade ás actuacións de seguridade tralo exercicio realizado a pasada semana no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. Esta acción desenvolveuse no marco das medidas previstas para a implantación do Plan de Autoprotección do recinto cultural provincial.

A xornada comezou con sesións formativas dirixidas ao persoal do centro que forma parte dos equipos de evacuación. Posteriormente, desenvolveuse un exercicio práctico no que participaron tanto os traballadores das instalacións como os usuarios e espectadores presentes no recinto.

O simulacro, coordinado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Deputación, tivo como finalidade comprobar os procedementos de actuación ante unha posible emerxencia e familiarizar ao persoal e ao público coas medidas de seguridade e os itinerarios de evacuación.

Esta actuación forma parte da programación de exercicios de autoprotección que a Deputación de Ourense está a levar a cabo nos distintos edificios provinciais para garantir a máxima seguridade de traballadores e cidadáns.

En vindeiras datas, realizaranse dous novos simulacros no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e no Pazo Provincial. Así mesmo, entre os meses de febreiro e marzo do vindeiro ano repetiranse os simulacros nos catro grandes centros provinciais, contando nesta ocasión con presenza de efectivos de Policía e Bombeiros.

Comparte este artigo