A Xunta de Goberno da Deputación modifica o prazo de xustificación das axudas municipais destinadas á vivenda en alugueiro

Redacción
Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisiten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª), César Fernández Gil (VicePresidente 2º), Plácido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º), Rosendo Fernández (Deputado PPOU), Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU), Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU), María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU), Begoña Álvarez Matos (Representante de Intervención), Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

O prazo amplíase ata o 30 de novembro de 2026. A sesión tamén inclúe expedientes de subvencións a concellos e entidades, así como modificacións do CooperOU a petición dos municipios beneficiarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense tratou na súa sesión de hoxe 21 asuntos de carácter administrativo, entre eles a modificación do prazo de xustificación das subvencións destinadas aos concellos para a adquisición, rehabilitación ou mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial.

A modificación das bases da convocatoria establece a ampliación nun mes do prazo de xustificación, que pasa do 31 de outubro ao 30 de novembro de 2026.

Esta convocatoria de subvencións foi resolta pola Xunta de Goberno do pasado 5 de outubro. A modificación afecta exclusivamente ao prazo de xustificación das axudas, mantendo as restantes condicións previstas nas bases.

Tamén se contempla a posibilidade de solicitar unha prórroga por causa de forza maior debidamente acreditada, nos termos establecidos na convocatoria. O acordo será obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación.

Expedientes de subvencións

A sesión incluíu tamén 16 expedientes de subvencións por un importe conxunto de 829.914,05 euros.

Deles, 11 corresponden a concellos, cunha contía total de 582.526,19 euros, para actuacións en San Cristovo de Cea, Carballeda de Valdeorras, Os Blancos, Lobios, A Peroxa, Rubiá, San Xoán de Río, A Mezquita, Bande e Larouco.

Os outros cinco expedientes, por un importe total de 247.387,86 euros, corresponden á Universidade de Vigo, ao Club de Fútbol Monterrei, á Asociación Os Rebordiegos, á Asociación Coordinadora da Festa da Istoria de Ribadavia e ao Club Náutico Ribeiro.

Proxecto HUB TERMAL

Entre estes expedientes figura unha subvención nominativa de 150.000 euros á Universidade de Vigo para o proxecto de investigación HUB TERMAL: Planta Piloto, desenvolvido desde a Facultade de Ciencias do Campus Auga de Ourense.

O proxecto ten como obxectivo estudar un sistema de aproveitamento enerxético para instalacións balnearias que dispoñen de augas termais de baixa temperatura. A investigación permitirá obter datos técnicos sobre a viabilidade e o funcionamento deste tipo de sistemas, así como establecer criterios para a súa posible aplicación en establecementos balnearios.

A subvención xa fora incorporada ao orzamento provincial mediante un acordo plenario do 23 de xullo.

Modificacións do CooperOU

A orde do día completouse, entre outros asuntos, con tres expedientes de modificación do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais, CooperOU 2026, relativos a actuacións nos concellos de Esgos, Maceda e A Rúa.

Comparte este artigo