Avante Ourense leva a Traballo e a Facenda posibles irregularidades laborais en KuBOX Modular e pide explicacións por un contrato público de 713.212 euros en Ceuta

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Os dereitos laborais non se defenden só con palabras, senón actuando cando hai indicios de que poden estar en risco. Desde Avante Ourense seguiremos facéndoo, sen dar un paso atrás’’.

A organización solicita que se investiguen as posibles irregularidades no pagamento das horas extraordinarias e a súa eventual declaración baixo conceptos como dietas.

Avante Ourense trasladou á Inspección de Traballo e á Axencia Tributaria información sobre posibles irregularidades relacionadas co pagamento de horas extraordinarias en KuBOX Modular, S.L., tras recibir o testemuño dunha persoa que traballou na empresa.

A organización tamén reclama que se comprobe o cumprimento das obrigas laborais vinculadas á actividade da empresa, que resultou adxudicataria dun contrato da Cidade Autónoma de Ceuta por importe de 713.212,50 euros para a subministración e instalación de 15 módulos prefabricados.

O testemuño recibido apunta a que determinadas cantidades vinculadas ás horas extraordinarias poderían figurar nas nóminas baixo conceptos como dietas ou manutención. Tamén se sinalan posibles diferenzas no pagamento destas horas entre traballadores. Estes feitos están pendentes de comprobación e non poden darse por acreditados.

O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, afirmou: ‘’Non estamos a emitir condenas anticipadas. Estamos pedindo que se investiguen uns feitos que consideramos suficientemente relevantes como para poñelos en coñecemento das administracións competentes. Se todo se fixo correctamente, que se acredite; se houbo incumprimentos, que se depuren as responsabilidades correspondentes’’.

Avante Ourense considera que a protección dos dereitos das persoas traballadoras e o control do uso dos recursos públicos deben ser prioridades. A organización agarda que os organismos competentes analicen a información achegada e actúen dentro das súas atribucións.

Comparte este artigo