Este 2024 cúmprense 25 anos da primeira conquista mundial do fútbol español. Foi coa selección sub-20 dirixida por Iñaki Sáez, que logrou o título en Nixeria tras derrotar a Xapón na final. Esa vitoria sería a base da posterior era dourada do fútbol da selección vermella. Daquela cita en Nixeria destacan nomes de futbolistas que anos despois serían grandes figuras na elite fútbol mundial. Entre os participantes naquel mundial sub-20 celebrado en África destacan xogadores como Casillas, Xavi, Ronaldinho, Forlán, Simao, Roque Santa Cruz, Márquez, Cambiasso, Nakata, Duff ou o elixido MVP do torneo: Seydou Keita. De entre todos os participantes nesa cita mundial destacou un xogador redondelán, Pablo Couñago, Bota de Ouro do torneo.
O Concello de Redondela rende homenaxe ao xogador cunha exposición no Multiúsos da Xunqueira que se inaugurará o vindeiro venres, 13 de decembro, ás 19.00 horas. A mostra fai un repaso polos máis de 20 anos de carreira deportiva de Couñago, nos que militou en equipos como Celta, Numancia, Ipswich Town ou Málaga, entre outros. Colgou as botas no CD Choco de Redondela, con 39 anos de idade.