Viana do Bolo e A Pobra de Trives acollen hoxe as últimas actuacións por separado das seis agrupacións folclóricas

Redacción

Ecuador, Serbia e Taiwán despregarán os seus espectáculos na Praza Maior de Viana do Bolo, ás 22,30 horas. Á mesma hora, as agrupacións de Armenia, México e Senegal presentaranse no Patio de Santa Leonor na Pobra de Trives 

Esta noite será a última na que as seis agrupacións folclóricas actúen divididas en dous equipos. As próximas citas en Ourense e Ribadavia recibirán a totalidade dos participantes

Ourense recibirá mañá as Xornadas de Folclore. Ás 22,30 horas comezará o vistoso desfile que levará a todos os compoñentes das agrupacións dende o Parque de San Lázaro ata a Praza Maior para comezar ás actuacións ás 23,00 horas

A XLI edición das Xornadas de Folclore chegan esta semana ao seu fin. Hoxe será a última vez na que as seis agrupacións folclóricas participantes actúen divididas en dous grupos diferentes. Será na Praza Praza Maior de Viana do Bolo e no Patio de Santa Leonor, en Pobra de Trives, ás 22,30 horas.

Os asistentes esta noite ao Festival de Viana do Bolo poderán gozar coas danzas e o os ritmos que forman o variado repertorio do grupo Elenco Nukanchik de Ecuador, Grupo de Danza Folclórica “Tucović”, de Serbia e Teatro de Danza Folclórica YiTzy, de Taiwán. 

En Pobra de Trives, o público asistirá ás representacións de parte da historia e das raíces de tres países representados de xeito maxistral por Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center de Armenia; Compañía Nacional de Danza Folclórica de Nieves Paniagua de México e o Ballet Jammu de Senegal.

Serbia é un dos países xa veteranos na historia das Xornadas de Folclore. Este ano conta coa presenza do grupo Folk Dance Group “Tucovic” creado en Belgrado en 1978 polos coreógrafos Dragoslav Dzadzevic e Dejan Simyonov, quen considera as xornadas como “a miña segunda casa”, tras sumar esta edición doce visitas.

Entre os numerosos grupos de folclore de Serbia, a compañía Tucovic, ocupa un lugar destacado, sendo un dos máis populares e de maior éxito do país balcánico. Esta formación aposta pola presentación do rico folclore serbio dun xeito novidoso e atractivo, no que prevalece o entusiasmo dos seus compoñentes no escenario, como poido comprobar o público ourensán nesta edición.

Os seus bailaríns alcanzan unha calidade artística baseada nas súas habilidades, dedicación e traballo nos ensaios, que acompañado dun variado e colorido vestuario e unha alegre e contaxiosa música, fan das presentacións de Tucovic un dos principais representantes do folclore serbio, recoñecido en festivais de folclore de todo o mundo: México, Taiwán, India, Francia, Grecia, Exipto ou Turquía.

Mañá, 18 de agosto:  Ourense

O Parque de San Lázaro de Ourense será o punto de partida do tradicional desfile que levará aos músicos e danzantes das seis agrupacións participantes nesta XLI edición das Xornadas ata a Praza Maior. O percorrido comezará ás 22,30 horas e as actuacións ás 23, 00 horas, Tódalas actuacións son gratuítas.

Comparte este artigo