Jorge Bustos denuncia que Candia “pretende vender unha praia fluvial que non existe” aproveitando un permiso temporal de dez días

Redacción

O concelleiro socialista acusa ao Goberno local de construír un relato ficticio a través de filtracións interesadas e de utilizar o traballo dos clubs deportivos para facer propaganda

O concelleiro socialista Jorge Bustos denunciou hoxe o que cualificou como “un novo intento de enganar á cidadanía” por parte do Goberno de Candia, ao presentar como un avance cara a unha praia fluvial o que en realidade é unha autorización provisional de apenas dez días para instalar un pantalán con motivo dunha proba deportiva.

Segundo explicou Bustos, o Executivo local está aproveitando un permiso puntual e excepcional, solicitado para facilitar o desenvolvemento dunha competición deportiva grazas ao traballo e ao compromiso dos clubs lucenses, para construír un relato que non se corresponde coa realidade.

“Non estamos ante unha praia fluvial. Estamos ante un permiso temporal de dez días para unha instalación vinculada exclusivamente a unha actividade deportiva. Todo o demais é propaganda e un intento evidente de confundir aos lucenses”, afirmou.

Unha zona de baño require infraestruturas, servizos e garantías de seguridade que hoxe non existen

O edil socialista lembrou que unha praia fluvial non se define pola existencia dun pantalán, senón por reunir unhas condicións técnicas e de seguridade imprescindibles para o seu uso público.

“Nesta zona non existen vestiarios, nin áreas de estancia ou lecer, nin servizo de socorrismo, nin accesos acondicionados e seguros ao río, nin sinalización, nin equipamentos, nin as mínimas garantías para autorizar o baño con todas as condicións de seguridade que require unha zona recreativa destas características”, explicou.

Para Bustos, presentar esa realidade como se Lugo fose contar cunha praia fluvial constitúe “un exercicio de publicidade institucional enganosa” que xera falsas expectativas entre a veciñanza.

“Candia xa non só goberna de costas á cidadanía; agora pretende gobernar enganándoa

O concelleiro considera especialmente grave que o Goberno municipal recorra novamente ás filtracións interesadas aos medios de comunicación para intentar instalar un titular que non resiste a mínima análise técnica.

“Estamos ante unha forma de gobernar baseada na propaganda permanente. Xa non lles chega con gobernar de costas aos veciños; agora intentan gobernar enganándoos abertamente, difundindo información interesada que nada ten que ver coa realidade das actuacións municipais”, asegurou.

Segundo indicou, o Executivo de Candia “prioriza o impacto mediático fronte á planificación seria da cidade”, convertendo anuncios puntuais en supostos grandes proxectos que logo nunca se materializan.

O PSOE insta ao Goberno local a executar a folla de ruta deixada polo anterior Executivo

Bustos reiterou que Lugo merece contar cunha auténtica praia fluvial, pero advertiu de que esta debe responder a unha planificación rigorosa e non a actuacións improvisadas.

Neste sentido, lembrou que o anterior Goberno municipal deixou definida unha folla de ruta para crear unha verdadeira zona pública de baño no tramo comprendido entre Os Robres e a Fábrica da Luz, integrada nun proxecto máis amplo que contempla tamén a futura piscina pública de Saamasas.

“Se Candia realmente quere que Lugo dispoña dunha praia fluvial, o que ten que facer é abandonar a propaganda, cumprir os prazos e executar o proxecto que xa estaba planificado. Lugo necesita investimentos que transformen a cidade e non operacións de maquillaxe mediática que só buscan unha fotografía durante dez días”, concluíu Jorge Bustos.

Comparte este artigo