Antas de Ulla miara ao ceo con seguridade: o concello envía gafas homologadas aos fogares para o eclipse

Redacción
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O municipio sitúase entre os pioneiros da provincia de Lugo ao facer chegar por correo á veciñanza protección homologada e recomendacións de seguridade para desfrutar do fenómeno do 12 de agosto

Antas de Ulla, 10 de agosto de 2026.– O Concello de Antas de Ulla puxo en marcha unha iniciativa especial con motivo do eclipse solar do próximo 12 de agosto, facendo chegar directamente aos fogares do municipio gafas homologadas para a súa observación segura.

Durante estes días, os veciños e veciñas están recibindo nos seus buzóns unha carta informativa acompañada das gafas e das principais recomendacións que deben seguir para contemplar este fenómeno astronómico sen poñer en risco a súa saúde visual.

Con esta actuación, Antas de Ulla sitúase entre os concellos pioneiros da provincia de Lugo en facilitar directamente á súa veciñanza protección homologada para a observación do eclipse, apostando pola prevención e facendo chegar os medios necesarios ata as propias casas.

Desde o Goberno municipal destacan que o obxectivo foi claro desde o primeiro momento: que toda a veciñanza teña a oportunidade de desfrutar dun acontecemento excepcional, pero que o faga coas máximas garantías de seguridade.

O Concello insiste especialmente na importancia de non mirar en ningún momento directamente ao Sol sen protección homologada, así como de prestar unha atención especial aos nenos e nenas durante a observación.

Gafas reservadas no Concello

Co obxectivo de que ninguén quede sen protección, o Concello de Antas de Ulla reservou unidades adicionais das gafas homologadas para atender posibles incidencias no reparto.

Deste xeito, aquelas persoas que por calquera circunstancia non recibisen as gafas no seu domicilio poderán achegarse ás dependencias municipais para solicitalas, ata esgotar as unidades dispoñibles.

O Concello agradece tamén o traballo de todas as persoas que participaron na preparación e organización do envío, que permitiu facer chegar este material aos fogares do municipio.

Desde o Goberno local destacan que unha iniciativa destas características responde á vontade de estar preto da veciñanza e, sobre todo, de anticiparse e previr riscos ante un acontecemento que espertará un enorme interese.

O próximo 12 de agosto, Antas de Ulla mirará cara ao ceo para vivir un momento histórico, pero farao cunha mensaxe moi clara: desfrutar do eclipse si, pero sempre coa saúde e a seguridade por diante.

Comparte este artigo