– A Presidenta da Deputación asinou este martes un acordo coa Alcaldesa de Viveiro para acometer a reforma do Mercado de Abastos; e un convenio co Alcalde de Ourol para arranxar accesos e mellorar a accesibilidade da Casa da Cultura
– “Hoxe damos conta do compromiso que mantemos cos concellos da provincia, demostrando que o noso papel é estar ao seu carón e escoitar as súas necesidades para que poidan facer realidade proxectos que melloren a calidade de vida das súas veciñas e veciños”, avanzou López
– Carmela López aproveitou o encontro en Ourol para comprobar tamén o resultado das obras de renovación da cuberta do pavillón municipal, financiadas pola institución provincial por case 140.000€
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de asinar este martes dous acordos de colaboración co Concello de Viveiro e co Concello de Ourol por un importe conxunto de máis de 550.000€. “Hoxe damos conta, unha vez máis, do compromiso que mantemos cos concellos da provincia, demostrando que o noso papel é estar ao seu carón e escoitar as súas necesidades para que poidan facer realidade proxectos que melloren a calidade de vida das súas veciñas e veciños”, avanzou a mandataria provincial.
En primeiro lugar, a Presidenta da Deputación e a Alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, asinaron un acordo de colaboración no Mercado de Abastos do municipio para impulsar a reforma deste edificio histórico situado no centro da vila. A Deputación fai posible este proxecto a través dunha achega de case 250.000€ “que permitirá reorganizar os espazos interiores para dar maior protagonismo aos postos de venda, mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade, renovar as instalacións e incorporar novos servizos que fagan do mercado un espazo máis moderno, funcional e confortable”, avanzou Carmela López.
Así mesmo, sinalou a Presidenta que “con este convenio contribuímos á conservación dun inmoble emblemático para Viveiro, impulsamos o comercio de proximidade, apoiamos aos produtores locais e reforzamos a actividade económica do centro histórico”.
Acordo co Concello de Ourol
A continuación, a mandataria provincial trasladouse ata o Concello de Ourol onde formalizou xunto ao seu Alcalde, José Luis Pajón, dous acordos de colaboración por un importe conxunto de máis de 310.000€.
O primeiro deles permitirá mellorar a accesibilidade na Casa da Cultura por un importe de case 62.000€, unha actuación financiada na súa totalidade pola institución provincial. Con este proxecto eliminaranse as barreiras arquitectónicas garantindo que todas as persoas poidan participar nas actividades sociais e culturais que se desenvolven neste centro.
O segundo acordo que se formalizou este martes ascende ata os 270.000€ dos cales a institución provincial achega preto de 250.000€. A través deste convenio arranxaranse os accesos aos núcleos de As Laxes, A Rega, Cadavosa, O Vilar e Requián; e tamén realizaranse melloras na sinalización do concello a través do repintado de rúas, pasos de peóns, bandas laterais, liñas de aparcamento e redutores de velocidade, entre outros.
Neste último acordo tamén se inclúe a rehabilitación do Lavadoiro de Labrada, situado na parroquia de Bravos, unha construción que forma parte do patrimonio etnográfico do municipio e que se pretende recuperar de xeito orixinal. Nesta liña, o Alcalde recordou que aínda que non está catalogado o Concello quere recuperalo como un elemento que potenciará a riqueza cultural e paisaxística da zona.
Carmela López fixo especial fincapé en que “investir nos concellos é investir no futuro do noso rural. Garantindo máis e mellores servizos e creando novas oportunidades, contribuímos a fixar poboación, dinamizamos a economía local e melloramos a calidade de vida da veciñanza”.
Outros investimentos en Ourol
A Presidenta da Deputación aproveitou este encontro co Alcalde de Ourol para comprobar o resultado das obras de renovación da cuberta do pavillón municipal. Un proxecto, que está a piques de rematar, e que foi posible “grazas á colaboración da Deputación, pois achegamos case 140.000€ para acondicionar este espazo, mellorar o illamento da cuberta e da fachada e asegurar o confort destas instalacións” recordou Carmela López.
Ademais, percorreron as beirarrúas da contorna da Casa Consistorial, que se arranxaron cun investimento da institución provincial de case 180.000€, e, por último, visitaron a estrada provincial LU-P-3801, que comunica o núcleo da capital municipal con lugares como O Carme e As Lobeiras. A Presidenta avanzou que “nesta vía imos acometer obras de mellora por algo máis de 270.000€”. Concretamente, os traballos, que se atopan en proceso de licitación, afectarán a varios tramos: dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,9; desde o quilómetro 3 ao 3,8; e desde o quilómetro 4,4 ao 4,8.
As obras consistirán na apertura de cunetas, na renovación do pavimento con aglomerado quente e na reposición da sinalización horizontal.

