A portavoz adxunta socialista asegura que este é o ano no que máis se atrasou o inicio das rozas municipais, malia unha primavera especialmente chuviosa e un verán con altas temperaturas que aceleraron o crecemento da vexetación.
O PSOE alerta do incremento do risco de incendios, da proliferación de roedores e dos graves problemas de seguridade viaria que provoca a maleza en estradas e camiños do rural.
“A herba supera xa nalgúns puntos os dous metros de altura. O que estamos vendo non é un atraso puntual, é unha absoluta falta de planificación que pon en perigo ás persoas”, denuncia González Abelleira.
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe o “inadmisible atraso” co que o Goberno de Candia está afrontando este ano a campaña municipal de desbroces, unha situación que considera “sen precedentes” e que está a provocar importantes problemas de seguridade en numerosos puntos do municipio.
- A portavoz adxunta socialista asegura que este é o ano no que máis se atrasou o inicio das rozas municipais, malia unha primavera especialmente chuviosa e un verán con altas temperaturas que aceleraron o crecemento da vexetación.
- O PSOE alerta do incremento do risco de incendios, da proliferación de roedores e dos graves problemas de seguridade viaria que provoca a maleza en estradas e camiños do rural.
- “A herba supera xa nalgúns puntos os dous metros de altura. O que estamos vendo non é un atraso puntual, é unha absoluta falta de planificación que pon en perigo ás persoas”, denuncia González Abelleira.
A edil socialista advertiu de que Lugo está a vivir o ano no que máis tarde se iniciou este servizo esencial, precisamente despois dunha primavera especialmente chuviosa e coincidindo cun verán de temperaturas elevadas que favoreceron un crecemento extraordinario da vexetación. “Era perfectamente previsible que a maleza medrase con moita máis intensidade ca outros anos. O que resulta incomprensible é que o Goberno municipal non actuase con previsión sabendo exactamente o escenario ao que nos enfrontabamos”, afirmou.
Segundo explicou González Abelleira, a falta de mantemento acumulada durante semanas provocou que en numerosas estradas, camiños e espazos públicos do municipio a vexetación supere xa os dous metros de altura. “Estamos diante dunha situación que vai moito máis alá dunha cuestión estética. O abandono das rozas ten consecuencias directas sobre a seguridade das persoas”, advertiu.
A portavoz adxunta puxo o foco, en primeiro lugar, no incremento do risco de incendios durante a época de maior perigo do ano. “A acumulación de vexetación seca nas marxes das vías, nas áreas recreativas e nos espazos públicos multiplica innecesariamente o risco nun momento especialmente delicado. A prevención non pode chegar cando xa existe o problema”, sinalou.
Así mesmo, advertiu de que o estado da maleza favorece tamén a proliferación de roedores e outras pragas nas zonas periurbanas e rurais. “A falta de mantemento está xerando condicións ideais para a aparición de animais que afectan á salubridade e á calidade de vida da veciñanza. Falamos dun problema que podería evitarse cunha planificación minimamente rigorosa”, indicou.
Outro dos aspectos que máis preocupa ao Grupo Socialista é a seguridade viaria. González Abelleira explicou que en numerosos cruces do rural a vexetación invade completamente os campos de visión dos condutores, dificultando a incorporación ás estradas e incrementando notablemente o risco de accidente. “Hai interseccións nas que simplemente non se ve quen vén en sentido contrario ata estar practicamente enriba da calzada. É unha situación enormemente perigosa”, denunciou.
A concelleira engadiu que esta falta de rozas tamén afecta directamente aos peóns. “En moitos camiños a maleza ocupa as cunetas e obriga ás persoas a camiñar pola propia estrada, compartindo espazo cos vehículos. É un risco absolutamente innecesario que un Concello responsable debería evitar moito antes de chegar a esta situación”, afirmou.
Para González Abelleira, este atraso evidencia novamente a falta de planificación do actual Executivo. “Hai actuacións que teñen calendario. As campañas de desbroces non dependen da improvisación nin das fotografías de última hora. Todos os gobernos saben cando hai que comezar estes traballos porque todos os anos a natureza segue o mesmo ciclo. O único que cambiou foi a capacidade de organización do Goberno municipal”, criticou.
A portavoz socialista instou finalmente ao Executivo local a iniciar de inmediato a campaña en todo o municipio, mobilizando todos os medios dispoñibles para recuperar o tempo perdido. “Cada día que pasa aumenta o risco para a veciñanza. Lugo merece un Goberno que planifique, que prevexa e que actúe antes de que os problemas aparezan. Candia non pode seguir retrasando nin un só día máis un servizo básico para a seguridade das persoas”, concluíu.

