Ana González Abelleira insta a Candia a mobilizar recursos municipais contra a praga da velutina e acusa á Xunta de abandonar o rural lucense á súa sorte

Redacción

A portavoz adxunta socialista advirte de que a pasividade do Goberno galego está a provocar unha proliferación sen precedentes de niños de avespa velutina en pleno verán, cun risco crecente para a seguridade da veciñanza.

O Grupo Socialista reclama un plan extraordinario con medios propios do Concello para reforzar a localización e retirada de niños nas parroquias, espazos públicos e contornas frecuentadas pola cidadanía.

“A Xunta leva anos demostrando que o seu sistema é claramente insuficiente. Candia non pode limitarse a mirar para outro lado mentres aumenta unha ameaza que afecta á seguridade das persoas e ao sector primario”, afirma González Abelleira.

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, anunciou hoxe que o seu grupo instará ao Goberno local a destinar recursos municipais extraordinarios para reforzar a loita contra a proliferación da avespa velutina no municipio de Lugo, ante o que cualificou de “absoluta pasividade” da Xunta de Galicia fronte a un problema que cada verán se agrava nas parroquias e tamén nas zonas urbanas.

A concelleira advertiu de que a inacción do Executivo autonómico está situando ao municipio nun escenario “especialmente preocupante” durante os meses de maior actividade desta especie invasora, coincidindo ademais coa época na que aumenta a presenza de persoas no medio natural, nas áreas recreativas, nos camiños e nos espazos públicos da zona rural.

“A Xunta segue demostrando ano tras ano que o modelo que aplica para combater a velutina fracasa. Os niños multiplícanse, as intervencións chegan tarde e a sensación de abandono entre a veciñanza é cada vez maior”, afirmou González Abelleira.

A edil socialista lembrou que a responsabilidade principal na loita contra esta especie corresponde á Xunta de Galicia, tanto na coordinación das actuacións como na planificación das campañas de prevención e retirada. Con todo, considera que a gravidade da situación obriga ao Concello de Lugo a actuar con medios propios para complementar un dispositivo autonómico que “evidentemente non está dando resposta”.

“Non podemos quedar de brazos cruzados esperando por unha Administración que leva anos chegando tarde. Candia debe deixar de exercer como escudo político da Xunta e poñer por diante a seguridade da cidadanía lucense”, sinalou.

Neste sentido, o Grupo Municipal Socialista proporá que o Concello habilite un dispositivo municipal específico para reforzar a detección e retirada de niños, especialmente nas parroquias, nas inmediacións de vivendas, nos parques, nas áreas recreativas, nos centros educativos e nas zonas de maior tránsito de persoas durante o verán. “Desde o noso grupo apostamos por un modelo mixto: propoñemos crear un equipo de traballo trasnversal que implique aos servizos municipais e a contratación de unha empresa especializada para a execución dos traballos de erradicación”, explicou a voceira adxunta.

González Abelleira advertiu tamén do grave impacto que a expansión da avespa velutina está a provocar sobre a biodiversidade e sobre sectores fundamentais da economía local, como a apicultura. “Estamos diante dunha especie invasora que non só supón un risco para as persoas, especialmente para quen sofre reaccións alérxicas, senón que tamén está causando importantes danos ambientais e económicos”, explicou.

A portavoz adxunta considera que a situación evidencia unha nova mostra da falta de planificación da Xunta de Galicia. “O problema non aparece por sorpresa cada verán. É perfectamente coñecido, recorrente e previsible. Precisamente por iso resulta aínda máis grave que o Goberno galego continúe sen incrementar os medios humanos e materiais destinados á súa erradicación”, indicou.

Para González Abelleira, a colaboración institucional debe estar por riba das cores políticas cando está en xogo a seguridade da veciñanza. “Se a Xunta non cumpre coa súa responsabilidade, o Concello non pode permanecer inmóbil. A protección das persoas debe estar por riba de calquera cálculo partidista”, afirmou.

Por último, a concelleira socialista reclamou ao Goberno de Elena Candia que impulse de inmediato este reforzo municipal e esixa á Xunta os recursos que corresponden. “Lugo necesita solucións, non escusas. A mellor maneira de defender á veciñanza é actuar con previsión e non esperar a que se produzan situacións de risco que poderían evitarse cunha mínima planificación”, concluíu.

Comparte este artigo