Ángeles Novo: “ É necesario dar recoñecemento institucional ao papel fundamental do tecido LGTBIQ+ lucense na sensibilización social, na defensa dos dereitos e no acompañamento das persoas discriminadas”

Redacción

O Grupo Municipal Socialista proporá unha declaración institucional polo Orgullo LGTBI 2026 e reclama o respaldo unánime de toda a Corporación

Miguel Fernández defenderá na Xunta de Voceiros un texto que reafirma o compromiso de Lugo coa igualdade real, a diversidade e os dereitos das persoas LGTBIQ+

A edil socialista advirte de que “non podemos permitir nin un só paso atrás na defensa da igualdade nin atender a discursos que cuestionan dereitos xa conquistados”

O Grupo Municipal Socialista ven de rexistar  e inetntarána próxima Xunta de Voceiros unha proposta de declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI 2026, co obxectivo de que sexa asumida por todos os grupos políticos da Corporación e aprobada por unanimidade no pleno ordinario deste mes de xuño.

A concelleira socialista Ángeles Novo explicou que a iniciativa busca que o Concello de Lugo “reafirme de maneira clara e sen matices o seu compromiso coa diversidade, cos dereitos humanos e coa igualdade real e efectiva de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade sexual, expresión de xénero ou características sexuais”.

Novo destacou que España vén de ser recoñecida por primeira vez por ILGA-Europe como o país máis avanzado de Europa en dereitos e políticas LGTBIQ+, un fito que, segundo sinalou, “é o resultado de décadas de avances sociais e lexislativos impulsados por gobernos progresistas e pola loita constante dos colectivos e activistas que abriron camiño”.

A edil socialista lembrou conquistas históricas como a aprobación do matrimonio igualitario, o recoñecemento das familias diversas, a protección dos dereitos reprodutivos das mulleres lesbianas ou a aprobación da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBIQ+. “Son avances que fixeron de España unha referencia internacional e que debemos defender con firmeza fronte a calquera intento de retroceso”, afirmou.

A proposta socialista tamén recoñece o papel fundamental desempeñado polo tecido asociativo LGTBIQ+ galego e lucense na sensibilización social, na defensa dos dereitos e no acompañamento das persoas que sofren discriminación.

“Este recoñecemento internacional é motivo de orgullo, pero non pode conducirnos á autocompracencia”, advertiu Novo. “A igualdade real segue xogándose cada día nas rúas, nos centros educativos, nos espazos deportivos, no emprego, nos servizos públicos e tamén no ámbito municipal. Aínda existen persoas que atopan dificultades para vivir libremente a súa identidade ou orientación sexual, e as institucións temos a obriga de actuar”.

Neste sentido, a concelleira socialista alertou do aumento dos discursos de odio e dos intentos de cuestionar dereitos consolidados. “Mentres a sociedade avanza, tamén aparecen correntes reaccionarias que pretenden converter a diversidade nun elemento de confrontación política. Fronte a iso, as institucións democráticas non poden permanecer neutrais”.

Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista considera imprescindible que a declaración institucional sexa asumida polo Goberno local e polo conxunto da Corporación nos termos nos que foi redactada, atendendo ás demandas expresadas polos colectivos LGTBI e mantendo unha posición inequívoca na defensa da igualdade.

“Imos pedir ao Goberno local que apoie este texto sen recortes, sen matices e sen ambigüidades. Lugo debe seguir avanzando e non pode permitirse nin un só paso atrás na loita polos dereitos e pola igualdade. O Orgullo non é só unha celebración; é tamén un compromiso institucional coa liberdade, coa dignidade e coa inclusión de todas as persoas”, concluíu Ángeles Novo.

A declaración culmina cun acordo único polo que o Concello de Lugo reafirmaría o seu compromiso unánime cos dereitos das persoas LGTBIQ+, coa igualdade real, coa diversidade familiar e coa plena inclusión, rexeitando expresamente calquera manifestación de odio ou discriminación no municipio.

Comparte este artigo