Unha proposta impulsada polo Instituto de Estudos Ulloáns e apoiada polas principais entidades culturais do municipio, que a alcaldesa Pilar García Porto fixo realidade e que culminou hoxe coa aprobación en pleno extraordinario da «Casa da Cultura Teresa Batán Buján»
Antas de Ulla viviu hoxe unha xornada especialmente emotiva e histórica coa homenaxe a Teresa Batán Buján, coincidindo coa súa xubilación como bibliotecaria municipal e culminando cun dos maiores recoñecementos que pode brindar un concello: que o seu nome quede para sempre ligado a un dos principais espazos culturais do municipio.
A iniciativa naceu do Instituto de Estudos Ulloáns, que propuxo que a Casa da Cultura levase o nome de Teresa Batán Buján como recoñecemento a toda unha vida de traballo, compromiso e dedicación á cultura de Antas de Ulla.
Unha proposta á que se sumaron tamén importantes entidades do tecido cultural e asociativo local: a Escola Banda de Música de Antas de Ulla, a Coral Polifónica Sons do Farelo, a Asociación Cultural Fiadeira e o Grupo de Teatro de Antas de Ulla, facendo deste recoñecemento unha iniciativa compartida por boa parte da vida cultural do municipio.
A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, acolleu desde o primeiro momento a proposta con enorme entusiasmo, considerando que constituía unha forma máis que merecida de agradecer e perpetuar a pegada deixada por Teresa durante décadas. Desde o Goberno municipal impulsáronse así os pasos necesarios para transformar aquela iniciativa en realidade.
Un pleno extraordinario para un nome que quedará na historia
Como paso fundamental, o Concello convocou un pleno extraordinario para someter á Corporación municipal a proposta de que a Casa da Cultura pasase a denominarse oficialmente «Casa da Cultura Teresa Batán Buján».
A iniciativa foi aprobada co voto favorable de todo o Goberno municipal, coa alcaldesa Pilar García Porto á cabeza.
A sesión deixou tamén unha circunstancia significativa: o grupo municipal do Partido Popular decidiu non asistir ao pleno, coa excepción dun dos seus concelleiros, que si estivo presente e votou favorablemente á proposta, facendo constar durante a sesión que emitía o seu voto a título persoal.
Deste xeito quedou aprobada definitivamente a nova denominación, facendo institucional e permanente un recoñecemento que vai moito máis alá da súa xubilación e que pon en valor a enorme contribución de Teresa Batán Buján á cultura, á lectura e á vida social de Antas de Ulla.
A cultura de Antas arroupou a Teresa nun día inesquecible
Tras a aprobación plenaria, celebrouse o acto institucional de homenaxe, no que Teresa estivo acompañada por familiares, compañeiros e compañeiras, representantes das entidades culturais, clubs de lectura e numerosos veciños e veciñas.
Durante o acto interviñeron representantes dos clubs de lectura e do ámbito teatral, así como Francisco Pardo, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns; Isabel Pérez Forniñas, directora da Biblioteca Pública de Lugo; Águeda Balín Armas, xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia; e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.
O momento culminante chegou co descubrimento, coa participación da propia homenaxeada, da placa que desde hoxe identifica oficialmente o edificio como: «CASA DA CULTURA TERESA BATÁN BUJÁN»
Un instante especialmente emotivo que simboliza que o nome de Teresa queda xa unido para sempre á historia cultural de Antas de Ulla.
A propia Teresa Batán Buján foi a encargada de pechar a parte máis emotiva da homenaxe coa súa intervención ante todas as persoas que quixeron acompañala nesta xornada.
Para a alcaldesa, Pilar García Porto, a nova denominación supón “un acto de xustiza e gratitude cunha muller que dedicou boa parte da súa vida a facer da biblioteca un espazo aberto, vivo e próximo, e a achegar a cultura a xeracións de veciños e veciñas de Antas de Ulla”.
Porque desde hoxe Antas de Ulla non ten simplemente unha Casa da Cultura.
Ten a Casa da Cultura Teresa Batán Buján, un nome que permanecerá para sempre na memoria colectiva do municipio.

