Bustos acusa a Candia de desmantelar a Estratexia Novo Norte para financiar con fondos europeos obras xa previstas no orzamento municipal

Redacción

O concelleiro socialista advirte de que o Goberno local pretende utilizar recursos europeos destinados á transformación da zona norte para executar actuacións ordinarias como o aparcadoiro do Ceao ou a reforma das naves municipais da Milagrosa

“Substituír investimento municipal por financiamento europeo non supón investir máis en Lugo; supón renunciar á oportunidade histórica de modernizar a cidade”

O PSOE denuncia que Candia busca liberar recursos propios para gastalos con criterios electoralistas mentres sacrifica un proxecto estratéxico pensado para o futuro de Lugo

Candia ten que decidir se quere pasar á historia como a dirixente que dilapidou a maior oportunidade de transformación urbana que tivo Lugo nas últimas décadas”, concluíu.

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos advertiu hoxe de que o Goberno de Elena Candia está a desvirtuar completamente o sentido da Estratexia Novo Norte ao pretender financiar con fondos europeos actuacións que xa estaban contempladas no orzamento municipal, como é o caso do novo aparcadoiro do polígono do Ceao.

Para o edil socialista, esta decisión evidencia “unha absoluta falta de visión estratéxica” e supón converter un programa europeo deseñado para transformar estruturalmente a zona norte da cidade nun simple mecanismo para aliviar o gasto ordinario do Concello. “ Estase a cargar o traballo de máis de sete servizos municipais implicados na confección de esta estratexia impulsada polo noso Goberno e que foi quen de acadar máis de 8 millóns de finaciación da UE comeptindo con moitas cidades do Estado”, sinalou.

“A Estratexia Novo Norte naceu para cambiar a cidade, non para pagar actuacións que xa estaban previstas con recursos municipais. Se utilizamos os fondos europeos para facer o que xa estaba orzamentado, Lugo perde unha oportunidade irrepetible de avanzar na súa modernización”, afirmou Bustos.

O concelleiro lembrou que o anterior Goberno concibiu Novo Norte como un proxecto integral destinado a resolver os principais déficits urbanísticos da zona máis poboada do municipio, mediante actuacións transformadoras que mellorasen a mobilidade, o espazo público, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade e a competitividade económica.

“Os fondos europeos non están pensados para substituír o investimento municipal, senón para complementalo e multiplicar a capacidade transformadora das administracións. O que pretende facer Candia é exactamente o contrario: utilizar Europa para pagar o que xa ía facer o Concello e así liberar cartos municipais para outras actuacións de curto percorrido”, denunciou.

Segundo explicou Bustos, esta estratexia responde unicamente a un interese político. “Estamos ante unha operación claramente electoralista. Candia quere apropiarse do orzamnto municipal para mellorar a súa imaxe de cara ás próximas eleccións, e por iso está desviaros recursos propios do Concello cara a actuacións sen planificación nin capacidade transformadora.”

O edil socialista puxo como exemplo o aparcadoiro do Ceao, unha actuación incorporada aos orzamentos municipais polo anterior Executivo precisamente para ser financiada con recursos propios do Concello.

“Ninguén discute que o aparcadoiro sexa necesario. Fomos nós quen o incorporamos ao orzamento municipal porque entendemos a súa importancia para o tecido empresarial. O que resulta incomprensible é que agora se pretenda financiar con fondos europeos destinados á transformación urbana unha infraestrutura que xa tiña financiamento previsto. Iso non é captar máis recursos; é substituír uns por outros e renunciar ao verdadeiro obxectivo de Novo Norte.”

Na mesma liña situou a reforma das naves municipais da Milagrosa, outra actuación que, ao seu xuízo, “non responde aos criterios cos que foi deseñada a estratexia europea”.

“Novo Norte non foi concebido para executar obras ordinarias de mantemento ou reorganización de servizos municipais. Foi deseñado para impulsar proxectos estruturais capaces de cambiar definitivamente a configuración urbana da zona norte durante as próximas décadas”, explicou.

Bustos lembrou que entre esas actuacións figuraban iniciativas como a transformación da avenida da Coruña nun gran bulevar urbano, a mellora das conexións interiores da segunda rolda, a creación de novos espazos públicos, a humanización do tecido urbano e a consolidación dun novo modelo de mobilidade máis sostible.

“O máis grave é que esta forma de actuar condena Lugo a perder unha oportunidade histórica. Os fondos europeos son extraordinarios e irrepetibles. Se se utilizan para substituír gasto municipal ordinario, a cidade deixará escapar investimentos que dificilmente volverán presentarse no futuro.”

Finalmente, o concelleiro socialista reclamou ao Goberno municipal que rectifique e respecte a filosofía coa que foi aprobada a Estratexia Novo Norte.

“Os fondos europeos deben servir para transformar Lugo. Candia ten que decidir se quere pasar á historia como a dirixente que dilapidou a maior oportunidade de transformación urbana que tivo Lugo nas últimas décadas”, concluíu.

Comparte este artigo