O concelleiro socialista advirte de que o acordo marco entre a FEGAMP e a Xunta perdeu a súa vixencia en xuño de 2025 e esixe ao Goberno galego dar pasos para solucionar a situación
Bustos alerta do prexuízo que esta situación provoca aos clubs deportivos lucenses e censura que o Concello “venda como un logro” unha adhesión a un convenio sen vixencia e solicita que se impulse un novo acordo marco que sexa beneficioso para o noso municipio
“O deporte lucense merece rigor institucional e non anuncios que xeran falsas expectativas entre os clubs e as familias”, afirma
O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos denunciou hoxe o que cualificou como “un novo exemplo da improvisación e do profundo descoñecemento xurídico e institucional” do Goberno de Elena Candia tras anunciar a adhesión do Concello de Lugo ao convenio marco entre a FEGAMP e a Consellería de Educación para o uso das instalacións deportivas dos centros educativos fóra do horario lectivo.
- O concelleiro socialista advirte de que o acordo marco entre a FEGAMP e a Xunta perdeu a súa vixencia en xuño de 2025 e esixe ao Goberno galego dar pasos para solucionar a situación
- Bustos alerta do prexuízo que esta situación provoca aos clubs deportivos lucenses e censura que o Concello “venda como un logro” unha adhesión a un convenio sen vixencia e solicita que se impulse un novo acordo marco que sexa beneficioso para o noso municipio
- “O deporte lucense merece rigor institucional e non anuncios que xeran falsas expectativas entre os clubs e as familias”, afirma
Segundo explicou o edil socialista, tras as consultas realizadas á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), o convenio marco ao que fai referencia o Executivo municipal perdeu a súa vixencia no mes de xuño de 2025 e, a día de hoxe, continúa sen ser renovado. “Temos contacto permanente coa Fegamp xa que estábamos en conversar para impulsar un novo convenio que se adaptara mellor as necesidades do tecido deportivo lucenense”, explicou o edil.
“Resulta moi preocupante que o Goberno de Candia anuncie como un gran avance a adhesión a un convenio que leva máis dun ano caducado. Isto evidencia unha preocupante falta de rigor e un descoñecemento impropio dun Executivo que leva semanas presumindo dunha medida que, nas condicións actuais, carece da cobertura xurídica que pretende transmitir”, afirmou Bustos.
O responsable socialista lembrou ademais que foi precisamente o Partido Popular quen, durante o anterior mandato, reclamou reiteradamente a adhesión do Concello a este convenio. “Agora que gobernan descobren que a realidade administrativa é bastante máis complexa que facer oposición. Non chega con anunciar titulares; hai que comprobar previamente que os instrumentos xurídicos sobre os que se pretende actuar continúan en vigor e se estos se adpatan as necesidades dos nosos clubes e deportistas”, sinalou Bustos, que advertiu de que esta situación pode xerar unha enorme frustración entre os clubs deportivos da cidade, que levan anos reclamando máis espazos para adestramentos e competicións.
“Os clubs necesitan solucións reais, non anuncios precipitados. Crear expectativas sobre unhas instalacións que dependen dun convenio marco actualmente caducado só contribúe a aumentar a incerteza dun tecido deportivo que leva demasiado tempo sufrindo a falta de infraestruturas”, indicou.
Neste sentido, o concelleiro socialista lembrou que a ampliación da rede de instalacións deportivas continúa sendo unha prioridade para o deporte lucense e reiterou a necesidade de construír novos equipamentos como o pavillón municipal previsto en San Fiz, cuxa licitación foi iniciado polo anterior Goberno municipal coa redacción do prego de condicións técnicas e consignación orzamentaria.
Ao mesmo tempo, Jorge Bustos dirixiu tamén as súas críticas á Xunta de Galicia, á que responsabilizou directamente da situación actual. “Se este convenio caducou hai máis dun ano, resulta incomprensible que o Goberno galego continúe sen impulsar a súa renovación. A Xunta leva un ano mirando para outro lado mentres os concellos e os clubs deportivos ven limitada unha ferramenta que podería contribuír a paliar a falta de espazos deportivos”, afirmou.
Para o edil socialista, esta demora evidencia unha vez máis “a escasa prioridade que o deporte de base ten para o Executivo autonómico co que me reunín para intentar impulsar un acordo que cubrira as nosas necesidades municipais”.
“O máis responsable sería que a Xunta e Fegamp imulsaran inmediatamente un novo convenio marco e que, unha vez exista un instrumento plenamente vixente e beneficioso para a nosa cidade, o Concello formalice a súa adhesión e desenvolva os convenios específicos cos centros educativos. Ese é o procedemento serio. Todo o demais son anuncios precipitados e propaganda”, sostivo.
Finalmente, Bustos pediu ao Goberno local que actúe con maior rigor institucional antes de trasladar información á cidadanía. “A improvisación pode servir para unha rolda de prensa, pero nunca para xestionar unha administración pública. Lugo necesita un Goberno que coñeza os procedementos administrativos e que deixe de xerar falsas expectativas entre os clubs deportivos e as súas familias”, concluíu.

